Culleredo acondicionará provisionalmente o aparcadoiro da rúa Irmandiños en Vilaboa

O Concello de Culleredo levará a cabo un acondicionamento provisional do aparcadoiro situado na rúa Irmandiños, en Vilaboa. Trátase dun espazo con unhas trinta prazas que co paso do tempo sufriu un notable deterioro.
O Concello optou por esta solución no canto dunha renovación integral debido ao futuro desenvolvemento urbanístico de Villa Celina, situada xusto ao carón do estacionamento. Durante as obras, prevese a entrada de maquinaria pesada por esta zona, o que volvería afectar ao aparcadoiro e obrigaría a unha nova intervención.
Para evitar investimentos innecesarios, o Concello centrarase na reparación do espazo, asegurando que as lousas levantadas deixen de ser un obstáculo e permitindo o seu uso en mellores condicións.
O desenvolvemento de Villa Celina incluirá, ademais, a creación dun novo espazo de aparcadoiro ao aire libre con 30 prazas adicionais, o que duplicará a capacidade actual. Este novo estacionamento estará situado na parte sur, xunto á avenida de Vilaboa.
Pola súa parte, a promotora do proxecto avanza na tramitación do Plan Especial, aprobado inicialmente polo pleno da corporación. Estímase que nas próximas semanas o documento poida obter a aprobación definitiva, unha vez finalizada a fase de exposición pública e a recompilación dos informes sectoriais.
Paralelamente, o Concello de Culleredo está a realizar traballos de desratización na contorna das rúas Irmandiños e Souto. Segundo trasladaron os veciños, nesta época do ano adoita aumentar a presenza de roedores, polo que se intensificou a fumigación e o control de pragas na zona.