Culleredo acolleu o II Torneo de Xadrez Amodiño con máis de 70 participantes

Celebrouse no Concello de Culleredo a segunda edición do Torneo de Xadrez Amodiño, unha cita organizada polo Club Escola Xadrez Culleredo coa colaboración do Concello, que reuniu a máis de 70 xogadores nun ambiente marcado pola emoción e a paixón polo xadrez clásico.
O evento, que se celebra unha vez finalizada a liga galega, aposta por recuperar o formato tradicional do xadrez lento: partidas dunha hora e media por xogador, con incrementos de 30 segundos por xogada. Un ritmo que permite o xogo pausado e reflexivo, o "amodiño", como destacou a organización nunha entrevista para ACoruñaXa.
O concelleiro de Comercio, Mario Iglesias, foi o encargado de entregar os premios aos gañadores, destacando o valor deste tipo de iniciativas que fomentan o pensamento estratéxico e a concentración entre persoas de todas as idades.
Desde o Club Escola Xadrez Culleredo animan a veciñanza a achegarse a este tipo de torneos, especialmente ao formato clásico, que consideran "o xadrez en todo o seu esplendor". O Torneo Amodiño é xa unha cita destacada no calendario local, cun formato que aposta pola calma, o razoamento e o gozo da partida sen présas.