Culleredo acollerá o 22 de novembro o espectáculo solidario 'Pepo Suevos & Friends' para impulsar a doazón de órganos

O Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo será o escenario o sábado 22 de novembro do espectáculo de humor 'Pepo Suevos & Friends', unha proposta solidaria promovida por Alcer Coruña coa colaboración do Concello de Culleredo. A función comezará ás 20.00 horas no Salón de Actos e combinará entretemento e sensibilización social.
O espectáculo enmárcase en 'A xira do cuarto de século', a xira coa que o humorista galego Pepo Suevos celebra os seus 25 anos enriba dos escenarios. Este percorrido abrangue diferentes localidades de Galicia con un total de 25 actuacións e fará parada en Culleredo cun claro obxectivo solidario: fomentar a doazón de órganos, concienciar o público sobre a súa importancia e recadar fondos para apoiar esta causa.
As entradas teñen un prezo de 10 euros e poden reservarse por teléfono no 670 33 90 66 ou a través do correo electrónico eventossolidarios@alcercoruna.org, onde tamén se pode solicitar máis información. As persoas que desexen colaborar pero non poidan asistir poderán facelo mediante a 'fila 0' ou realizando unha achega solidaria a través do Bizum de Alcer Coruña (código 05242).