Culleredo acollerá múltiples actividades co proxecto teatral Punto en Boca

O Concello de Culleredo será escenario nos meses de febreiro e marzo dunha ampla programación de talleres, charlas, actividades e unha performance dentro do proxecto teatral Punto en Boca. As propostas desenvolveranse en diferentes puntos do municipio e serán completamente gratuítas.
En total, organizaranse 10 actividades previas á estrea do espectáculo teatral do mesmo nome, previsto para o próximo mes de xuño. A través desta iniciativa, Raquel G. Crespo, responsable do proxecto, busca achegar os oficios e traballos relacionados co mundo da costura á cidadanía mediante o teatro.
Entre as propostas, haberá talleres de iniciación á costura, dinámicas comunitarias, charlas con profesionais do sector e unha performance final. Para participar, será necesario inscribirse previamente a través do correo electrónico info@puntoenboca.es.
PROGRAMACIÓN
Antes da estrea da obra en xuño, Punto en Boca ofrecerá 10 actividades en diferentes puntos do concello durante febreiro e marzo. A programación arrancou o luns 3 de febreiro co obradoiro de teatro Creación da personaxe a través da roupa, celebrado no Xardín Botánico de O Burgo e dirixido pola compañía El Ruiseñor.
A seguinte actividade será o sábado 8 de febreiro ás 20.00 horas, coa presentación do proxecto Punto en Boca e unha instalación artística no Xardín Botánico de O Burgo. A entrada será libre.
O martes 11 de febreiro terá lugar o obradoiro Primeiros pasos: Patrón Saia Base no Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, ás 10.00 horas, cun límite de 15 prazas. O xoves 13 será a quenda do taller e dinámica comunitaria Costura colaborativa: unha peza para a comunidade, que non terá límite de prazas e celebrarase no Xardín Botánico de O Burgo.
A semana seguinte incluirá varias actividades. O martes 18 desenvolverase o taller Primeiros pasos: Patrón Corpo Base ás 18.30 horas no Edificio de Servizos Múltiples, con 15 prazas dispoñibles. O xoves 20 celebrarase a charla Costura, amor e familia ás 20.00 horas no Xardín Botánico de O Burgo, con capacidade para 40 persoas. O sábado 22, a partir das 11.00 horas, terá lugar a charla Nunca é bo momento, así que… Imos aló! e un taller de bordado, ambos no Xardín Botánico con 40 prazas dispoñibles.
As últimas actividades da programación desenvolveranse na última semana de febreiro. O xoves 27 haberá unha dobre sesión: primeiro, ás 18.00 horas, o obradoiro de teatro Creación da personaxe a través da roupa, con 20 prazas dispoñibles; e, a continuación, ás 19.30 horas, o taller de teatro Creación escénica a través da costura, tamén con 20 prazas. Ambas actividades terán lugar no Xardín Botánico.
Para pechar a programación, o sábado 1 de marzo ás 19.00 horas celebrarase a charla Teatro e indumentaria, seguida dunha performance final do proxecto. Esta última sesión terá lugar no Pazo de Vila Melania e contará con 40 prazas dispoñibles.