Culleredo acollerá a VII edición do Festival de Panxoliñas de APEM no Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo

ACoruñaXa
O concerto, cun cartel con corais de Culleredo e da comarca, celebrarase o xoves 4 de decembro ás 19.00 horas con entrada libre
CULLEREDO panxoliñas
28 Nov 2025

Culleredo prepárase para unha das súas citas máis tradicionais do Nadal. O salón de actos do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo acollerá o vindeiro xoves 4 de decembro a VII edición do Festival de Panxoliñas organizado pola Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), un evento que conta coa colaboración do Concello de Culleredo.

O encontro dará comezo ás 19.00 horas e reunirá diferentes agrupacións musicais de Culleredo e de concellos da contorna. Nesta edición subirán ao escenario a Coral Santa María de Cambre, a Coral Fonte do Souto de Culleredo, Xilbatuxeiras, Voces Veteranas de Culleredo, a Asociación Cultural Rúada Donaire (A Coruña) e a Coral de APEM Culleredo, que serán as encargadas de poñer banda sonora ás festas con panxoliñas e temas propios destas datas.

O festival contará con entrada libre ata completar capacidade, polo que se anima á veciñanza a achegarse para gozar dunha tarde de música e ambiente familiar. Ademais, habilitarase un mostrador no propio salón para que as persoas que o desexen poidan realizar doazóns voluntarias en favor de APEM e apoiar así o labor que a entidade desenvolve coas persoas con enfermidade mental e as súas familias.

⚙ Configurar cookies
0.074980974197388