Culleredo acolle un Mercado de Nadal solidario a beneficio do Banco de Alimentos Rías Altas

ACoruñaXa
O CIFP Universidade Laboral e a EOI de Culleredo organizarán do luns 15 ao venres 19 de decembro un mercado con libros, roupa, xoguetes e produtos de segunda man en horario de 8.30 a 21.00 horas
CULLEREDO mercado solidario
11 Dec 2025

Culleredo vivirá uns días de consumo responsable e solidariedade co Mercado de Nadal solidario promovido polo CIFP Universidade Laboral e pola EOI de Culleredo. A iniciativa desenvolverase do luns 15 ao venres 19 de decembro, nun amplo horario continuado de 8.30 a 21.00 horas, para facilitar a participación de toda a comunidade educativa e da veciñanza.

Ao longo de cinco xornadas instalaranse diferentes postos nos que se poderán atopar libros, roupa de segunda man e tamén pezas novas, adornos de Nadal elaborados a man, obxectos de segunda man para o fogar, xoguetes e unha grande variedade de artigos. A proposta combina así o espírito navideño co fomento da reutilización e da economía circular, baixo a mensaxe de 'reducir, reutilizar e reciclar'.

O Mercado de Nadal solidario nace co obxectivo de recadar fondos para o Banco de Alimentos Rías Altas, entidade á que se destinará integramente o importe conseguido coas vendas. Desde a organización animan a achegarse tanto para colaborar mercando algún produto como para difundir a iniciativa entre familiares e amizades.

O centro destaca que este tipo de actividades permiten concienciar o alumnado sobre a importancia de dar unha segunda vida aos obxectos, reducir o desperdicio e, ao tempo, tender a man ás persoas que máis o precisan nestas datas.

⚙ Configurar cookies
0.077738046646118