Culleredo acolle o talk show final de 'Cruza sen mirar' sobre memoria migrante

ACoruñaXa
O Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo será o escenario, o luns 17 de novembro ás 19.00 horas, dun encontro aberto ao público incluído na programación polo 25N
CULLEREDO talk show
14 Nov 2025

O Concello de Culleredo será o lugar elixido para pechar o proxecto 'Cruza sen mirar', unha iniciativa da compañía Tarabela Creativa que pon o foco nas experiencias migratorias e na convivencia intercultural. O vindeiro luns, 17 de novembro, o Auditorio do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo acollerá un talk show no que se afondará na memoria emocional migrante do municipio.

O encontro estará conducido por unha das creadoras do proxecto, Carmen Conde, e reunirá diversas voces vencelladas á realidade migratoria e ao traballo social. Tomarán parte no diálogo David Ferreiro (que xa participou no videopódcast gravado en Culleredo), as mediadoras interculturais da ONG Mestura Liliana Rodríguez e Carmen Chas, a xefa da sección de Cohesión Social, Sandra García, a narradora oral uruguaia Soledad Felloza e a poeta oral india Yamini Teresa Prabhu.

A xornada dividirase en dúas sesións. Pola mañá, ás 11.30 horas, celebrarase unha actividade pechada ao público xeral, destinada ao alumnado dos centros educativos do municipio. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, terá lugar unha segunda sesión aberta a toda a veciñanza, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade do auditorio.

'Cruza sen mirar' é un proxecto audiovisual e social que promove a escoita activa entre persoas migrantes e retornadas, recollendo relatos de vida que visibilizan o seu papel na comunidade. Ademais das entrevistas, o traballo desenvolto en Culleredo incluíu a gravación dun videopódcast con testemuños recompilados durante os últimos meses, xa dispoñible no canal de Youtube de Tarabela Creativa.

A iniciativa contou coa colaboración da ONG Mestura e co apoio das áreas de Cultura, Educación e Cohesión Social do Concello de Culleredo, e foi recoñecida no I Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social 2025 da Deputación da Coruña. O talk show do luns servirá como broche final ao proxecto no municipio e como espazo de encontro e reflexión colectiva no marco da programación municipal polo 25N (Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres).

⚙ Configurar cookies
0.081158876419067