Culleredo acolle o I Aberto Xadrez Lóstrego
O Concello de Culleredo recibirá este sábado, 25 de xaneiro, a máis de 60 xadrecistas e 19 equipos que se darán cita no municipio para participar no I Aberto Xadrez Lóstrego. O torneo, organizado polo Club Escola Xadrez Culleredo en colaboración co Concello, celebrarase no Centro Social, Cultural e Recreativo de Rutis Vilaboa e constará de dúas competicións diferentes, unha por equipos, á mañá, e outra individual, que será en horario vespertino.
A proba por equipos empezará ás 11:00 horas, cando se iniciará a presentación, e constará de seis roldas en total, seguindo o sistema suízo. Os equipos participantes, que serán un máximo de 30, terán que estar formados por un mínimo de catro xogadores e un máximo de seis, aínda que se xogará a catro taboleiros. Ata o momento hai 19 equipos apuntados.
Doutra banda, o torneo individual empezará ás 16:15 horas coa presentación e constará de oito roldas, seguindo tamén o sistema suízo. Neste momento, o torneo individual conta con 66 participantes rexistrados, aínda que poderán participar un máximo de 120 xogadores.
Haberá dúas entregas de trofeos, unha para o torneo por equipos, prevista a partir das 13:45 horas, e outra para o torneo individual, prevista para as 19:45 horas. Os tres primeiros clasificados de cada categoría levarán un trofeo e unha delicatessen gastronómica da zona. Ademais, na proba individual, haberá un premio de delicatessen gastronómica ata o quinto clasificado, así como aos primeiros das categorías feminina, veterano (+55 anos) e para o primeiro clasificado do Club Escola Xadrez Culleredo. Do mesmo xeito, todos os participantes sub12 recibirán unha medalla.
Ambas as competicións son válidas para a clasificación ELO FIDE e están abertas para todas as idades e niveis, pechando as súas inscricións o venres 24 de xaneiro. Para máis información e inscricións, pódese chamar aos números de teléfono 680 920 562 ou 669 53 69 65 ou enviar un correo electrónico a torneos.cexc@gmail.com.