Culleredo acolle o Campionato Estatal de Balonmán Xuvenil ata o 4 de maio

GaliciaXa | ACoruñaXa
O Balonmán Culleredo será o anfitrión dunha cita que contará co BM Barakaldo, BM Logroño e Abanca Ademar León A
balonmano-cull
2 May 2025

Culleredo é desde hoxe, venres 2 de maio, e ata o domingo 4, a sede do Campionato Estatal de Balonmán Xuvenil. O Polideportivo de Tarrío acolle a competición do sector A, que contará coa participación do Balonmán Culleredo como anfitrión, así como do BM Barakaldo, BM Logroño e Abanca Ademar León A.

O Concello de Culleredo, que colabora coa organización xunto co club local, presentou o evento na Casa do Concello. O acto, presidido pola primeira tenente de alcalde e concelleira de Deportes, Cristina Pardo, contou coa presenza de representantes do Balonmán Culleredo e algúns dos clubs participantes, que xa se atopan no municipio para disputar o campionato.

Este evento non só se concibe como unha competición deportiva, senón tamén como unha gran festa do deporte base. O Polideportivo de Tarrío será o epicentro dunha xornada que fomentará a convivencia entre xogadores e familias das catro comunidades autónomas representadas. Para mellorar ese ambiente, o club organizou comidas populares que permitirán levar o balonmán máis aló da pista e que contribúan á integración dos participantes.

“É un orgullo acoller este campionato, apostamos e apoiamos decididamente o deporte polo seu valor social”, manifestou Cristina Pardo. A concelleira tamén destacou que “se falamos de deporte base hai que falar de Balonmán Culleredo polo traballo que fan cos rapaces desde ben cativos”. Pardo deu a benvida aos participantes e desexoulles moita sorte na competición, ademais de agradecer á Federación Española por escoller Culleredo como sede.

Pola súa parte, Darío Otón, presidente do Balonmán Culleredo, expresou a súa satisfacción pola elección do municipio como sede. “Para nós isto é un premio por un traballo de hai moitos anos, non só para o xuvenil, senón para todos os rapaces do club”, asegurou Otón. Tamén agradeceu ao Concello “polo apoio que nos está a prestar actualmente” e subliñou a importancia de crear un “gran ambiente de deportividade” nas gradas.

José Guerreiro, presidente do BM Barakaldo, tamén mostrou a súa alegría polo recibimento recibido en Culleredo e recoñeceu a “base moi forte” do club local no deporte base.

Os partidos do Campionato Estatal disputaranse na tarde de hoxe venres, ao mediodía do sábado e na mañá do domingo. O equipo vencedor deste sector avanzará á fase final do Campionato Estatal, que se celebrará nos vindeiros meses. O evento, sen dúbida, será unha gran oportunidade para os mozos xogadores demostrar o seu talento e, ao mesmo tempo, para os afeccionados vivir unha gran festa do balonmán.

⚙ Configurar cookies
0.16894292831421