Culleredo acolle con éxito á elite e afeccionados da marcha nórdica no seu trofeo municipal

O Concello de Culleredo converteuse nun referente da marcha nórdica en Galicia coa celebración do I Trofeo Concello de Culleredo – Modalidade Open e da I Copa Galega Xunta de Galicia. Dúas probas que reuniron un total de 150 participantes no Paseo da Ría do Burgo, convertendo a xornada nun auténtico éxito deportivo e organizativo.
A cita, organizada polo Concello de Culleredo, o Club Atletismo Sada e a Federación Galega de Montañismo, logrou un gran ambiente durante toda a tarde e unha destacada participación tanto de deportistas federados como de persoas afeccionadas a esta disciplina en auxe.
As dúas competicións celebráronse de forma simultánea mais cunha diferenciación clara: na I Copa Galega participaron exclusivamente deportistas federados, mentres que o I Trofeo Concello de Culleredo – Modalidade Open estivo aberto a persoas de todos os niveis. Cada proba contou cun percorrido adaptado ás condicións dos participantes, permitindo así unha experiencia completa e inclusiva.
Na categoría absoluta da I Copa Galega os tres primeiros postos foron para José Manuel Iglesias Siso, Miguel Parra Ameijide e Héctor Vázquez Rey. No que respecta ao Trofeo Concello de Culleredo, impuxéronse Jose Manuel Ouréns Pardo, Jorge Victorero Rey e María Sánchez Cabello.
A entrega de premios contou coa presenza do alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, a concelleira de Deportes, Cristina Pardo, e outros representantes do executivo local, que destacaron o compromiso do municipio co deporte inclusivo e de base.
Como colofón, a organización celebrou unha pequena festa de peche onde as e os participantes puideron gozar dun ambiente distendido e participar nun sorteo de agasallos, poñendo o ramo a unha xornada marcada polo compañeirismo e a práctica deportiva ao aire libre.