Culleredo acolle a mostra “Sinaladas”, que percorre un século de loita e represión das mulleres

A praza de Galicia en Culleredo é o novo escenario da exposición itinerante da Deputación da Coruña 'Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión', unha mostra que repasa a historia silenciada das mulleres galegas ao longo do século pasado. Permanecerá aberta ao público ata o 14 de xullo.
A inauguración contou coa presenza da deputada de Igualdade, Soledad Agra; o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, e membros da corporación local. A exposición chega ao municipio despois da súa anterior parada en Fene.
Durante o acto, Soledad Agra destacou que se trata “da historia de mulleres sinaladas, destacadas, que por non conformarse foron perseguidas, reprimidas, asasinadas e todas elas quedaron sinaladas. E despois, todo foi silencio, ficaron desaparecidas da historia, ou o que é aínda peor: foron contadas por un relato misóxino que se fixo especialmente insultante no franquismo, que as converteu en vítimas da exclusión, da marxinación, cando non do encerramento”.
A través dos paneis instalados ao aire libre, a mostra ofrece un percorrido pola memoria histórica desde as revoltas agrarias ata a loita pola democracia, pasando pola situación educativa das mulleres na II República, a represión franquista e o exilio.
A deputada salientou o “compromiso” da Deputación “coa divulgación da historia que nos agocharon, nomeadamente a das mulleres, tanto das máis coñecidas como María Casares, como outras como as mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo”. Entre os nomes recuperados figura o dunha veciña de Culleredo, Amparo López Jean. “Nada aquí, en Vilaboa, no 1885, é a primeira muller que milita no Partido Galeguista coruñés. Secretaria e logo presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña, en xullo do 36 está en Soria, onde o home, César Alvajar, é gobernador civil. Coa filla pequena, Teresa, van a Valencia, Madrid e Barcelona, onde Amparo é secretaria xeral do Grupo de Mulleres Galeguistas e vogal do PG. A derrota sepáraa momentaneamente da familia e cruza a fronteira cun grupo de crianzas. Morre no campo de Moutauban, en Francia, no 1942”, explicou Agra.
O alcalde Rioboo subliñou o valor simbólico da exposición, lembrando que “inaugurar hoxe esta mostra é un acerto por un motivo fundamental: lémbranos que non debemos esquecer o alto custo que tivo a conquista dos nosos dereitos. Fálanos da loita de grandes mulleres pola consecución de moitos dereitos fundamentais, dereitos que hoxe, case un século despois, póñense en dúbida e mesmo algúns queren erradicar da nosa democracia”.
A exposición estrutúrase en 13 bloques, con 39 paneis que reúnen 284 apartados e 373 imaxes, coas que se reconstrúe a historia de 540 mulleres. Os contidos distribúense por etapas históricas: desde finais do século XIX ata xullo de 1936; o período do golpe militar e a posterior represión; e a persistencia da loita feminina durante a posguerra e tras a morte de Franco. A proposta foi posta en marcha polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña no ano 2023 co obxectivo de visibilizar as mulleres activistas e o papel clave que xogaron na historia contemporánea.