Cullerciencia regresa como referente da divulgación científica escolar en Galicia

O Concello de Culleredo e o CEIP Ría do Burgo presentaron a sétima edición de Cullerciencia, unha feira científica xa consolidada no panorama galego que cada ano congrega centos de visitantes. A cita será este sábado, 7 de xuño, en horario ininterrompido de 12.00 a 19.00 horas, na explanada do Paseo Marítimo de O Burgo.
Na presentación participaron o alcalde José Ramón Rioboo, a tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, a directora do centro, Uxía Sedes, e a coordinadora do club de ciencia e secretaria do colexio, Ana María Nicolás. No acto déronse a coñecer os detalles máis destacados dunha xornada que promete estar chea de experimentos, proxectos creativos e actividades interactivas para toda a familia.
Este ano, Cullerciencia contará cun total de 36 carpas, repartidas entre 26 participantes, que inclúen 8 centros de Educación Infantil e Primaria, 5 institutos e 13 entidades e asociacións, cada unha coas súas propostas baseadas nos traballos científicos desenvolvidos ao longo do curso.
Os principais protagonistas serán os centros escolares, entre os que se atopan colexios e institutos de Culleredo, pero tamén doutros concellos como Cerceda, Meis, Cambre ou A Coruña. Xunto a eles, estarán presentes entidades e facultades universitarias, así como agrupacións como a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, FEGEREC, CITMAGA, CEIDA, ENSEÑOLABS ou BRICO LABS.
O alcalde José Ramón Rioboo agradeceu ao CEIP Ría do Burgo o seu impulso e traballo para facer realidade esta feira científica, sinalando que “xa se ten consolidado como unha referencia imprescindible, non só a nivel local, senón tamén no ámbito galego”. Rioboo tamén destacou que a edición deste ano se celebrará “nun Paseo da Ría do Burgo acondicionado para que o evento teña lugar no mellor entorno posible” e animou á cidadanía a achegarse para “descubrir todo o traballo científico desenvolvido polos e polas participantes, especialmente polo alumnado dos centros educativos”.
Pola súa parte, Cristina Pardo, concelleira de Educación, puxo en valor “a relevancia de Cullerciencia no ámbito educativo e a súa importancia para o alumnado”, concluíndo cos seus desexos de que a xornada “sexa unha experiencia de desfrute para todos e todas”.
Programa
A xornada arrancará ás 12.00 horas cun acto inaugural no que actuará a Agrupación Folclórica Ancoradoira. A continuación, abriranse os postos participantes, que estarán activos durante todo o día.
Ás 13.00 horas terá lugar unha mesa redonda, que este ano substitúe ás habituais charlas. Estará moderada por Francisco Díaz, director de Radio Culleredo, e contará coa participación de José Ramón Rioboo, Cristina Pardo, a Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, a directora executiva do CETIM, Lucía Camino, o director da Open Science – Cambre, José Viñas, o director dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez, e o representante do club de ciencia do CPI do Mosteiro – Meis, Camilo Ojea.
Ás 14.00 horas, os participantes compartirán unha comida comunitaria, para logo continuar coas actividades pola tarde ata o peche da feira, ás 19.00 horas.
O CEIP Ría do Burgo tamén se implicará na difusión do evento mediante retransmisións en directo a través da súa canle de Twitch, radio escolar e, posiblemente, tamén no seu canle de YouTube.