Cullerciencia consolídase en O Burgo como referente galego da divulgación científica escolar

ACoruñaXa
A cita, que cada ano gaña peso no panorama educativo galego, reuniu a máis de trinta entidades
culler-ciencia
9 Jun 2025

A explanada do Paseo Marítimo de O Burgo converteuse nun auténtico escaparate do talento científico escolar coa celebración da VII edición de Cullerciencia, a feira de ciencia promovida polo Concello de Culleredo e o CEIP Ría do Burgo. A cita, que cada ano gaña peso no panorama educativo galego, reuniu a máis de trinta entidades e contou cunha asistencia multitudinaria ao longo de toda a xornada.

Un total de 36 carpas deron cabida aos proxectos de 26 centros educativos, asociacións e institucións, entre as que se atopaban os oito colexios de Educación Infantil e Primaria do municipio, cinco institutos e numerosas organizacións dedicadas á divulgación científica. Os traballos expostos destacaron pola súa variedade e creatividade, abordando cuestións como o cambio climático, a economía circular ou a conservación do medio ambiente.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, acompañado pola tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, participou na apertura do evento xunto á directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e representantes da comunidade educativa do CEIP Ría do Burgo. Durante a visita institucional, fixeron un percorrido polos postos para coñecer de preto o traballo desenvolvido polo alumnado.

Na súa intervención, Rioboo quixo “felicitar aos alumnos e á organización por volcarse un ano máis nesta feira”, e puxo en valor “todo o traballo que hai detrás da celebración de Cullerciencia, que se converteu nunha cita de referencia a nivel galego, atraendo en cada edición a un maior número de visitantes”. Ademais, destacou que “este ano Cullerciencia conta con representantes de todos os centros de ensino do noso concello, o que dá boa mostra da implicación que hai en Culleredo co evento”.

O rexedor tamén sinalou a importancia do emprazamento elixido para a feira, lembrando que “nesta aposta pola ciencia e a innovación é moi significativo que esta feira se celebre a pé da Cros, onde a Fundación Cetim ten o proxecto de crear un centro de planificación e economía circular que pode empregar a preto de 300 persoas e esperamos pronto que sexa unha realidade”.

A xornada incluíu tamén unha mesa redonda moderada por Francisco Díaz, director de Radio Culleredo, na que participaron figuras destacadas da divulgación científica como Lucía Camino, directora executiva do CETIM; José Viñas, director da Open Science – Cambre; Marcos Pérez, director dos Museos Científicos Coruñeses; e Camilo Ojea, do club de ciencia do CPI Mosteiro – Meis.

O evento contou coa colaboración de asociacións e entidades como a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, FEGEREC, CITMAGA, CEIDA, ENSEÑOLABS ou BRICO LABS, que achegaron as súas propostas divulgativas ao público asistente.

 

⚙ Configurar cookies
0.12796187400818