CUAC FM trae á Coruña o encontro estatal dos medios comunitarios

ACoruñaXa
A cidade acollerá do 17 ao 19 de abril o Encontro da Rede Estatal de Medios Comunitarios, unha cita que coincidirá co 30 aniversario da emisora coruñesa
A CORUÑA encontro radios
10 Mar 2026

A Coruña converterase os días 17, 18 e 19 de abril nun punto de referencia para a comunicación cidadá coa celebración do ReMCuentro 26, o encontro anual da Rede Estatal de Medios Comunitarios. Durante tres xornadas, radios libres, televisións comunitarias e proxectos do terceiro sector chegados de distintos puntos do Estado compartirán experiencias e analizarán os retos dun modelo comunicativo centrado na participación social, a diversidade e a liberdade de expresión.

A cita terá ademais un valor simbólico especial para a cidade, xa que se enmarca no 30 aniversario de CUAC FM, a radio comunitaria coruñesa, que iniciou a súa traxectoria en 1996 vinculada ao campus da Zapateira. O programa avanzado inclúe a entrega de acreditacións na tarde do venres 17, a inauguración institucional ás 19.00 horas, unha mesa redonda, a asemblea anual da ReMC na xornada do sábado e distintos obradoiros ao longo da tarde. Xa o domingo, as persoas asistentes poderán visitar as instalacións de CUAC FM no campus da Zapateira antes da clausura do encontro.

O groso das actividades desenvolverase en NORMAL, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña situado no campus de Riazor, mentres que varias sesións estarán dispoñibles en streaming. A organización subliña que o encontro servirá para reforzar estratexias comúns entre os medios comunitarios e abrir debate sobre o papel da comunicación cidadá no actual contexto mediático. A inscrición continúa aberta a través da páxina web de CUAC FM.

0.11682510375977