CUAC FM abre os actos do seu 30 aniversario cun libro colectivo no Circo de Artesáns

A radio comunitaria da Coruña CUAC FM dá este martes 30 de decembro o pistoletazo de saída ás celebracións do seu 30 aniversario coa presentación dun libro de autoría colectiva. O acto terá lugar ás 19.00 no salón de actos do Circo de Artesáns, con entrada gratuíta. A entidade avanzou que o aforo está xa case completo e que, para facilitar o acceso á obra, organizará novas presentacións nos vindeiros meses.
O volume leva por título ‘Qué bonitas son as ondas radiofónicas: 30 anos de CUAC FM’ e saiu adiante grazas a un convenio entre a Concellaría de Cultura e Turismo do Concello da Coruña e o Colectivo de Universitarios Activos (CUAC), asociación propietaria da emisora, que emite no 103.4 da FM desde marzo de 1996.
No libro participan 77 persoas con textos, ilustracións e fotografías que retratan a diversidade do proxecto ao longo destas tres décadas. A obra ábrese cun saúdo da alcaldesa, Inés Rey, que coñeceu a emisora na súa etapa universitaria, e inclúe tamén a achega do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, xa que CUAC FM está situada no campus da Zapateira, en instalacións cedidas pola UDC. Entre as colaboracións figuran nomes coñecidos como o xornalista Nacho Carretero ou Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual, xunto con outras participacións que a emisora adiantou como ‘sorpresas’ para as lectoras e lectores. A portada é obra de Manel Cráneo, director de Viñetas do Atlántico e antigo locutor da casa.
A distribución do libro será tamén gratuíta, con puntos de recollida na cidade que se anunciarán nos próximos días na web de CUAC FM. Ademais, haberá exemplares nas bibliotecas municipais e nas da Universidade da Coruña.
A programación do aniversario estenderase durante os seguintes meses e incluirá un concerto no Teatro Colón o venres 27 de marzo de 2026, coincidindo coa data na que se cumpren os 30 anos da emisora. No escenario estarán Pedro Pastor, Silvia Penide e César de Centi. As entradas, segundo indica a organización, sairán á venda proximamente.