Cruz Vermella abre o luns o prazo de inscrición nos seus cinco ciclos de FP na Coruña

ACoruñaXa
As solicitudes poden presentarse dende o luns 24 de xuño e ata o xoves 4 de xullo na sede electrónica da Xunta de Galicia
Imaxe do centro de formación de Cruz Vermella na Coruña
23 Xuño 2024

Cruz Vermella, de forma concertada coa Xunta de Galicia, abrirá este luns 24 de xuño o prazo de solicitude de praza nos seus ciclos de Formación Profesional. De forma telemática e ata o xoves 4 de xullo, as persoas interesadas poden iniciar o seu proceso de matrícula no Ciclo Medio en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, o Ciclo Medio en Farmacia e Parafarmacia, o Ciclo Medio en Coidados Auxiliares de Enfermería, o Ciclo Superior en Imaxe para o Diagnóstico e Medicina Nuclear, e o Ciclo Superior en Laboratorio Clínico e Biomédico.

Titulacións referentes no sector sociosanitario

Os 136 estudantes de FP que finalizaron os seus estudos no centro súmanse este ano a un total de 3.380 alumnos e alumnas que desde 1998 optaron por Cruz Vermella para a súa formación no ámbito sociosanitario. “O noso centro consolidouse como unha referencia en materia de formación profesional, ademais da impartición doutros cursos formativos relacionados eminentemente co ámbito sanitario”, explica a directora do Centro de Formación de Cruz Vermella na Coruña, Aránzazu Jiménez de Chairo, que subliña a importancia de “responder desde o ámbito académico e a capacitación profesional á demanda actual do mercado laboral” como premisa fundamental para a inserción laboral do alumnado.

O calendario do proceso de admisión nestes ciclos impartidos por Cruz Vermella comeza coa presentación de solicitudes, que estará aberta desde o 24 de xuño ás 9.00 ata o 4 de xullo ás 13.00 horas. A resolución provisional de solicitudes publicarase o 10 de xullo e sobre a mesma haberá un prazo de reclamacións entre o mesmo 10 de xullo e o 12 de xullo ás 13.00 horas.

As datas para a primeira adxudicación ordinaria e matrícula serán do 17 de xullo ás 9.00 ao 22 de xullo ás 13.00 horas; a segunda adxudicación ordinaria, e matrícula, do 24 de xullo ás 9.00 ao 31 de xullo ás 13.00 horas; e a terceira adxudicación ordinaria e matrícula, do 2 ao 5 de setembro.

A información detallada pode consultarse no seguinte enlace e desde o propio Centro de Formación de Cruz Vermella, chamando ao 981 169 163.

0.2134120464325