Cruz Vermella aborda os principais retos comunitarios ante a soidade non desexada no Ágora este xoves

ACoruñaXa
A organización humanitaria compartirá os resultados do proxecto CRECE e manterá aberta a exposición inmersiva ‘Un momento a soas’ ata o 12 de xaneiro
Imaxe-recurso-persoas-maiores
12 Dec 2024

Cruz Vermella presentará mañá, no Centro Sociocultural Ágora, os resultados do proxecto experimental CRECE, unha iniciativa que busca transformar o modelo de apoio e coidado de longa duración das persoas en situación de vulnerabilidade. O obxectivo principal é fomentar a autonomía individual para previr a institucionalización e combater a soidade non desexada.

A xornada de transferencia de resultados celebrarase entre as 10 e as 13 horas e contará coa participación de profesionais de distintas entidades que abordarán os retos que enfronta a comunidade para mitigar esta problemática.

O proxecto CRECE, financiado cos fondos europeos Next Generation a través do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, naceu en 2022 como unha proposta de intervención social que promove o traballo en rede. A súa finalidade é que o modelo desenvolvido sexa transferible a outras entidades e que poida influír nas políticas públicas do sector.

En Galicia, a Cruz Vermella traballou con 347 persoas en municipios como A Coruña, Betanzos, Carballo, Ferrol, Ordes e Santiago. As persoas beneficiarias inclúen maiores de 65 anos, mulleres en dificultade social, vítimas de violencia de xénero e persoas sen fogar.

Exposición ‘Un momento a soas’

Como parte desta iniciativa, o Centro Ágora acolle a exposición inmersiva ‘Un momento a soas’, que poderá visitarse ata o 12 de xaneiro. Trátase dun espazo interactivo no que os visitantes poden experimentar como é vivir en soidade non desexada e coñecer a importancia dos pequenos xestos para facerlle fronte. A través de pantallas interactivas e códigos QR, os asistentes poderán comprender mellor esta realidade e descubrir formas de contribuír a paliar esta situación.

⚙ Configurar cookies
0.70457696914673