Cruz Vermella A Coruña logrou que o 60% dos participantes do seu Plan de Emprego atopasen traballo no 2024

ACoruñaXa
A colaboración de 467 empresas fixo posible a inserción laboral de 680 participantes, reforzando o compromiso coa inclusión social e laboral
Cruz Vermella emprego
15 Nov 2024

Cruz Vermella A Coruña informou que un 60% das persoas participantes no seu Plan de Emprego ao longo de 2024 lograron inserirse no mercado laboral. En total, 1.110 persoas participaron nesta iniciativa nos últimos dez meses, grazas á colaboración de 467 empresas das áreas da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela. Estas alianzas permitiron a contratación de 680 participantes, reafirmando o compromiso do tecido empresarial coa inclusión laboral.

Nun acto de agradecemento celebrado en Ferrol, Manuel Viqueira, presidente provincial de Cruz Vermella, e María del Carmen Fernández Corral, presidenta comarcal en Ferrol, destacaron a importancia de seguir construíndo redes de colaboración que xeren “oportunidades que cambian vidas”. O evento contou coa participación dun centenar de representantes de empresas, a quen se lles recoñeceu o seu esforzo por apoiar ás persoas en situación de vulnerabilidade.

“O máis importante son as persoas e os soños que se fixeron realidade grazas a estas alianzas. Por iso quero darvos as grazas, non só no noso nome, senón no delas tamén”, sinalou Viqueira, quen tamén eloxiou o traballo do equipo técnico e voluntario das oficinas da Coruña, Ferrol e Santiago.

O acto contou coa presenza do mago Martín Varela, que, cun espectáculo, destacou a importancia das ilusións e o esforzo por facer realidade os obxectivos. Ademais, ofreceuse o testemuño de Zaidy, unha participante cubana que, tras pasar polo programa de orientación laboral de Cruz Vermella en Ferrol, conseguiu un posto de traballo na comarca.

Este programa está financiado polos Programas Operativos de Emprego Xuvenil (POEJ) e de Inclusión Social e Economía Social (POISES), co apoio do Fondo Social Europeo

0.18946003913879