Cruce de acusacións polo CEIP Cidade Vella: a Xunta sinala o Concello e o BNG ve ‘deixación de funcións’

ACoruñaXa
Educación atribúe as patoloxías á falta de mantemento municipal e lembra 400.000 euros investidos, mentres os nacionalistas reprochan que non se comprometan fondos para a rehabilitación integral pese a existir unha partida global de máis de 13 millóns de euros
A CORUÑA ceip cidade vella
15 Dec 2025

A situación do CEIP Cidade Vella, na Coruña, volveu ao centro do debate político tras un intercambio de posicións entre a Xunta e o BNG no Parlamento galego. O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, explicou o 12 de decembro de 2025 que as patoloxías do edificio son consecuencia directa de non se teren realizado as tarefas de conservación e coidado periódicas que, segundo indicou, corresponden ao Concello, en virtude do Acordo de Colaboración entre a Consellaría de Educación e a Fegamp.

O representante da Xunta defendeu tamén que o Goberno galego asumiu actuacións no centro e cifrou en 400.000 euros o investimento en distintas melloras, entre elas a substitución da cuberta e parte da renovación das ventás. Ademais, puxo en valor o Plan de nova arquitectura pedagóxica na cidade da Coruña, con actuacións e obras xa en execución ou comprometidas en varios centros.

Porén, o BNG amosou o seu rexeitamento á interpretación da Xunta e denunciou que o Executivo autonómico non comprometeu fondos para a rehabilitación integral do CEIP Cidade Vella cando foi interpelado na Comisión de Educación. A deputada Mercedes Queixas sostén que a reforma integral é necesaria e considera ‘incomprensíbel’ que non exista unha partida concreta para este colexio, lembrando que nos orzamentos da Xunta para 2026 figura unha dotación global de máis de 13 millóns de euros destinada a arranxar deficiencias en centros de ensino público.

Queixas acusou o PP de ‘desprazar’ responsabilidades ao Concello, ao que lle correspondería o mantemento básico, pero non as obras maiores nin a reforma dos edificios, que cualifica como competencia da Xunta. A deputada incidiu ademais en que o CEIP Cidade Vella é un inmóbel de valor patrimonial e protexido, polo que (di) a Administración autonómica debería garantir a súa conservación. Representantes das familias asistiron á sesión parlamentaria e o BNG asegurou que seguirá acompañando á comunidade educativa ata lograr que o centro reciba a actuación que reclama.

⚙ Configurar cookies
0.064296960830688