Cruce de acusacións en Culleredo pola subvención da Praza Sagrada Familia

ACoruñaXa
Alternativa denuncia a perda de 573.752,26 euros, mentres o Concello asegura que a axuda segue vixente e que a obra está xa adxudicada
cull-sagrada-familia
19 Nov 2025

A polémica estalou en Culleredo despois de que Alternativa dos Veciños fixese pública unha crítica na que aseguraba que o Concello perdera unha subvención de 573.752,26 euros destinada á rexeneración da Praza Sagrada Familia, en Vilaboa. Segundo apuntou a formación, a Deputación da Coruña tería retirado a axuda, concedida no 2022, ao non licitarse a obra no prazo de tres anos establecido nas bases.

Alternativa sostén que o goberno local non tramitou a tempo a contratación dos traballos e subliña que unha maior planificación evitaría a perda dun investimento destinado a integrar mellor o espazo na trama residencial, instalar un parque infantil cuberto e aumentar tanto a vexetación como as prazas de estacionamento. A formación insiste en que se trata dunha actuación moi demandada pola veciñanza da zona.

Non obstante, o Concello de Culleredo rebateu estas afirmacións e cualificou a comunicación de Alternativa como 'informacións falsas'. O executivo municipal afirma que non se perdeu ningunha subvención e que a obra está xa licitada e adxudicada, cun orzamento de 613.962,65 euros, para iniciarse de maneira inmediata.

Desde o goberno local explican que a axuda do POS 2022 foi prorrogada debido ás modificacións esixidas por Patrimonio en relación co Camiño Inglés. Indicaron que, ao rematar a prórroga sen estar executada a actuación, realizouse o trámite administrativo habitual de reinvestimento da subvención, que implica unha renuncia formal seguida dunha nova concesión. 'É un procedemento común e consensuado polos técnicos, que Alternativa claramente descoñece', sinalan fontes municipais.

O Concello tamén critica que a formación asegure que non se licitou a obra, cando a información se atopa dispoñible no perfil do contratante. A remodelación prevé unha praza en plataforma única, melloras de accesibilidade, novo pavimento en granito, espazo compartido para vehículos limitado a 20 km/h, arborado renovado, mobiliario urbano e un parque infantil cuberto situado nunha zona interior máis segura. Ademais, créanse novas prazas de aparcamento, especialmente na rúa Río da Cova, onde se habilitará unha área en batería.

⚙ Configurar cookies
0.070498943328857