Cristina Pardo, nova secretaria xeral da Agrupación Socialista de Culleredo

ACoruñaXa
A candidatura recibiu o respaldo maioritario da asemblea, con 35 votos a favor e 3 en branco
cull-psoe
15 Jun 2025

A Agrupación Socialista de Culleredo celebrou no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo a asemblea extraordinaria na que renovou a súa Comisión Executiva Municipal. Cristina Pardo, primeira tenente de alcalde e concelleira de Educación, Deportes e Xuventude, foi elixida secretaria xeral ao encabezar a única candidatura presentada.

A nova executiva municipal está composta por Ana Julie Suárez como secretaria de Organización, Carlos Traviesas como secretario de Política Municipal, María Carmen Naya na Secretaría de Igualdade, Jorge Gestal como secretario de Xuventude, Jessica Méndez na Secretaría de Acción Electoral, Begoña Mantiñán como secretaria de Comunicación, José Emilio Vázquez no cargo de secretario de Industria, Obras e Servizos, María Begoña Gómez como secretaria de Formación e Emprego, e Miguel Suárez como secretario executivo.

A candidatura recibiu o respaldo maioritario da asemblea, con 35 votos a favor e 3 en branco, reflexando o apoio practicamente unánime dos presentes.

Na súa intervención, Cristina Pardo destacou que a súa aprendizaxe ao lado do alcalde, José Ramón Riobóo, foi fundamental para dar este paso. Segundo explicou, “se estou hoxe aquí é porque estou orgullosa de formar parte dun equipo co que aprendín a antepoñer o interese xeral”. A secretaria xeral resaltou tamén o compromiso de Riobóo de “pensar na veciñanza de forma permanente” e sinalou que “o noso alcalde goberna e fainos gobernar con solvencia, experiencia e unha visión clara para Culleredo”.

Pardo recordou que entrou no PSOE con “pouco máis de vinte anos, ilusionada por participar, por construír, por aprender”, e que durante os últimos anos, como parte do goberno municipal, puido experimentar de primeira man “o que significa gobernar con responsabilidade e con compromiso, en tempos que non foron nada fáciles”.

Para rematar, agradeceu o apoio recibido para “seguir construíndo futuro desde a unidade, desde o traballo, desde a firme convicción de que o mellor está por vir e que o conseguiremos entre todas e todos”.

Ademais da renovación da executiva, a asemblea aprobou tamén as candidaturas de representación da agrupación socialista de Culleredo no Comité Nacional Galego e no Comité Provincial.

 

⚙ Configurar cookies
0.07210898399353