Costa Miño terá un supermercado Gadis con deseño sostible e integración paisaxística

O Concello de Miño concedeu á cadea de supermercados Gadis a ocupación do área comercial de Costa Miño, un proxecto que destaca pola súa integración urbana, coidado arquitectónico e compromiso coa sustentabilidade.
O supermercado terá atención directa en pescadería, carnicería e charcutería, e a concesión administrativa terá unha duración de 30 anos. O acceso principal situarase na Avenida de Xarío, mentres que a saída será pola rúa A Madanela, garantindo unha circulación fluida e segura para vehículos e peóns.
A edificación levantarase sobre unha parcela de 3.511,98 m² delimitada polas rúas Camposas, Madanela, Cepeira e Avenida de Xarío. O proxecto aposta por unha planta rectangular e unha cuberta a dúas augas oculta tras muros perimetrais, logrando unha imaxe arquitectónica equilibrada. O edificio terá unha altura total de sete metros, semienterrado na ladeira, similar á dunha vivenda unifamiliar, minimizando o impacto visual e preservando luz e vistas para as vivendas próximas.
O inmoble desenvolverase en planta baixa e pequena entreplanta, cunha superficie total construída de 1.518,35 m², tamén con terraza. Nesta ubicarase o equipamento exterior do supermercado, illado acústicamente para reducir molestias ao entorno.
O proxecto inclúe un aparcamento con capacidade para 48 prazas, que ocupará o 50,6% da parcela. A edificación representará o 37,44%, e o 11,96% restante destinarase a zonas urbanizadas e axardinadas. Ademais, plantaranse especies autóctonas de baixo porte nos taludes e retranqueos, e substituiranse as árbores deterioradas das rúas Camposas e Cepeira, mellorando o paisaxe e o ambiente da zona.
O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, destacou que se trata dun proxecto que combina sostibilidade, integración paisaxística e calidade urbana, contribuíndo á creación de emprego e á mellora dos servizos para os veciños. 'É un servizo moi demandado polo crecemento poboacional de Miño e Costa Miño, que fará a vida diaria máis cómoda e a nosa vila máis atractiva para vivir', subliñou.