Coruña10 2025 bate marcas de inscrición con 3.583 participantes e carreira homologada para o domingo 5 de outubro

A Coruña10 chega á súa XIX edición en estado de graza: a proba pechou inscricións con 3.583 corredores entre todas as categorías —máis de 3.000 na absoluta—, o mellor rexistro desde 2018. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, atribuíu o tirón da carreira ao impulso continuado do Concello e ao posicionamento da Coruña como praza de referencia no Noroeste. A cita disputarase o domingo 5 de outubro, con 10 quilómetros homologados pola RFEA nun percorrido chan pensado para voar baixo.
O trazado repite o esquema dos últimos anos: saída na Mariña, paso polos Cantóns e Linares Rivas, tránsito pola avenida do Exército ata a rotonda de conexión coa rolda de Outeiro e acceso á zona portuaria en dirección a Oza, para regresar aos peiraos e completar o bucle no punto de partida. No capítulo competitivo, a organización repartirá 9.700 euros en premios segundo categoría e procedencia, e establece un bonus de 2.000 euros para quen bata o récord da proba: 28.09 en homes e 31.40 en mulleres.
Para axudar na xestión do ritmo, a C10 contará con seis lebres que marcarán cinco obxectivos de tempo: 37’ (3.42/km) con Borja Costa, 40’ (4.00/km) con Lucas Prada, 45’ (4.30/km) con Lara Solsona, 50’ (5.00/km) con Cristina Alayón e 55’ (5.30/km) con Daniel Blanco e Gabriel Pizarro. Os dorsais poderán recollerse no departamento de Deportes de El Corte Inglés (rúa Ramón y Cajal) o venres 3, de 17.00 a 21.30, e o sábado 4, de 10.00 a 21.30; de xeito extraordinario, o día da carreira habilitarase entrega no paseo do Parrote desde as 9.00 e ata 30 minutos antes de cada saída. Na contorna da liña de saída haberá gardarroupa, fisioterapia e aseos, e duchas na Cidade Deportiva da Torre – Arsenio Iglesias.