Coruña presenta no Salón do Cómic de Barcelona o cartel do festival 'Viñetas desde o Atlántico'

ACoruñaXa
Genie Espinosa é a autora da imaxe desta 27ª edición, que coincide co 15 aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade
Imaxe da presentación do cartel de Viñetas dende o Atlántico
4 May 2024

O Concello da Coruña presentou na tarde do venres a nova imaxe do Festival do Cómic ‘Viñetas desde o Atlántico’ no Comic Barcelona, un dos espazos máis importantes do cómic en Europa e que cada ano reúne a milleiros de profesionais e persoas afeccionadas.

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, e responsable de Cultura, Gonzalo Castro, asistiu á presentación do festival, e destacou o Viñetas como un dos eventos máis importantes na programación anual da Coruña e cita de referencia no Noroeste para o sector do cómic e a banda deseñada. Castro agradeceu a colaboración da Xunta na organización da próxima edición do Viñetas.

Pola súa banda, o director de Viñetas desde o Atlántico, Manel Cráneo, deu a coñecer o novo cartel realizado pola artista catalá Genie Espinosa. Espinosa (Badalona, 1984) é ilustradora, autora de cómics e muralista, con numerosas publicacións editoriais cuxo estilo se caracteriza por contar cunha paleta de cores fortes, perspectivas hiperbólicas e personaxes non normativas. Ese estilo trasladoullo á Torre de Hércules, motivo principal do cartel como cada edición e que este ano coincide co 15 aniversario da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade.

No novo cartel, Espinosa presenta a Torre como centro de reunión de diversos personaxes cuxo punto de unión está na lectura da banda deseñada, como elemento de entretemento, aprendizaxe, coñecemento e ferramenta de inclusión social. Nel represéntanse obras de referencia no cómic como Maus, de Art Spiegelman, Batman de DC Cómics ou Persépole, da iraní Marjane Satrapi, recentemente recoñecida co Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades.

A presentación, por vez primeira, do Viñetas en Barcelona, busca impulsar o salón do cómic coruñés no ámbito nacional e internacional e contribuír á difusión da cita que terá lugar na cidade este verán.

Marcello Quintanilha, Marc Torices e Zuz Martín, autores confirmados

A presentación contou coa presenza do brasileiro Marcello Quintanilha e dos cataláns Marc Torices e Zuz Martín, tres dos artistas convidados na programación do Viñetas desde o Atlántico deste ano que se realizará do 12 ao 18 de agosto na Coruña.

Quintanilha (Rio de Janeiro, 1971) é un historietista e ilustrador de ampla traxectoria, galardoado o pasado ano no Salón do Cómic de Barcelona co premio á mellor obra estranxeira por Escucha, hermosa Márcia (2021), galardoada tamén nos Fauve d'Or ao mellor álbum do ano do Festival Internacional de Angulema ou no Jabuti de Literatura como mellor cómic brasileiro.

Zuz Martín é o nome artístico da deseñadora gráfica Susanna Martín (Barcelona, 1946), integrante do Colectivo de Autoras de Cómic e coordinadora da plataforma Wombastic, resposta gráfica ao anteproxecto de reforma do lei do aborto. Conta cunha vintena de obras publicadas entre as que destaca Cafè americà, galardoada co Premio Ara de còmic en catalán, ou Alicia nun mundo real (2010), así como con numerosas colaboracións en prensa.

Marc Torices (Barcelona, 1989) é artista gráfico e visual, ilustrador e animador e cofundador do festival de autoedición Gutter Fest. A súa obra é recoñecida polo can Cornelius, personaxe principal das súas creacións, tanto de novela gráfica como en liña de merchandasing. Publicou as súas historietas en publicacións de países como Francia, Inglaterra, Italia, México, Chile, Arxentina ou Eslovenia. Ademais, a súa novela gráfica Cortázar, baseada nunha biografía de Julio Cortázar, foi premiada co premio Splash a mellor cómic nacional 2017. Toricesé un dos nomindados como autor revelación no Barcelona Comic 2024.

a8460a3b-e1a7-45c1-bc53-537638b9e9bd

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15163993835449