Coruña Marítima presentará o 9 de maio á cidadanía as conclusións do seu proceso participativo

ACoruñaXa
Un proxecto que procura que A Coruña sexa referente no desenvolvemento portuario e urbano a nivel internacional
comision-coruña-maritima
2 May 2025

O próximo venres, 9 de maio, a cidade da Coruña acollerá un evento clave no desenvolvemento do proxecto Coruña Marítima. A partir das 9.30 horas, no Espazo Avenida, situado no Cantón Grande, os cidadáns poderán coñecer de primeira man as conclusións do proceso participativo levado a cabo nos últimos meses, así como os próximos pasos para a transformación dos espazos portuarios da cidade.

A cita será de entrada libre ata completar aforo e contará coa presenza de destacados representantes das distintas administracións implicadas no proxecto, como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; e Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña. Tamén intervirán expertos de renome no ámbito portuario e urbano, como Pilar Parra, directora corporativa de Puertos del Estado, e Teófila Martínez, presidenta da Asociación Internacional para a Colaboración entre Puertos y Ciudades (RETE).

O acto dará inicio coa inauguración institucional, na que se presentarán os resultados máis relevantes do proceso de participación cidadá, dirixido polo director da Autoridade Portuaria, Juan Diego Pérez Freire. Este proceso, que incluiu a apertura dun "buzón de suxestións" e a organización de talleres temáticos, rexistrou unha gran resposta da sociedade coruñesa, cunha ampla participación de cidadáns e colectivos.

A continuación, terá lugar unha mesa redonda centrada nas intervencións en espazos portuarios, na que participarán figuras de prestixio internacional como Teófila Martínez e David Pino, director de Port Vell, quen compartirá a súa experiencia no proceso de transformación do Porto de Barcelona. Neste contexto, o evento tamén servirá para explicar os próximos pasos do proxecto, que inclúen a convocatoria dun concurso internacional para definir o Máster Plan que guiará a renovación dos espazos portuarios e ferroviarios da Coruña.

Este evento é unha oportunidade única para coñecer de primeira man os avances de Coruña Marítima, un proxecto ambicioso que busca transformar a cidade e situar á Coruña como un referente no desenvolvemento portuario e urbano a nivel internacional. A xornada ofrecerá aos cidadáns a oportunidade de participar activamente neste proceso histórico que marcará o futuro da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.14510798454285