Coruña Marítima presenta á cidadanía as conclusións do seu proceso participativo

ACoruñaXa
Celebrarase un acto onde se avanzará cales serán os próximos pasos do proxecto
comision-coruña-maritima
8 May 2025

O proxecto Coruña Marítima dá un novo paso no seu desenvolvemento coa presentación pública das conclusións do proceso participativo levado a cabo nos últimos meses. O acto celebrarase este venres, 9 de maio, ás 9.30 da mañá no Espazo Avenida do Cantón Grande da Coruña, con entrada libre para todas as persoas interesadas.

A inauguración institucional contará coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado.

Durante o evento, o director da Autoridade Portuaria, Juan Diego Pérez Freire, presentará os resultados máis relevantes do proceso de participación cidadá e avanzará cales serán os próximos pasos do proxecto.

Ademais, celebrarase unha mesa de debate centrada nas intervencións en espazos portuarios, coa participación de dúas figuras de referencia: Teófila Martínez, presidenta da Asociación Internacional para la Colaboración entre Puertos y Ciudades (RETE), e David Pino, director de Port Vell, que intervirá por videoconferencia para explicar o proceso de transformación da zona histórica do Porto de Barcelona.

O evento servirá para compartir cos asistentes os resultados da fase de consulta iniciada tras a aprobación das Bases Estratéxicas o pasado 24 de xaneiro pola Comisión Coruña Marítima, integrada por seis administracións: Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, ADIF, Puertos del Estado e Autoridade Portuaria da Coruña.

As bases foron publicadas na web oficial do proxecto e enviadas a múltiples entidades sociais, veciñais, culturais, colexios profesionais, empresas portuarias, Universidade, institucións públicas, colectivos empresariais, ecoloxistas, fundacións e sindicatos. O proceso incluíu tamén a apertura dunha caixa de suxestións —aínda activa— e a realización de cinco obradoiros temáticos, co obxectivo de favorecer a participación cidadá e recoller achegas.

A resposta da sociedade coruñesa foi especialmente elevada, con numerosas propostas enviadas por cidadáns e colectivos diversos. Como seguinte paso, está prevista a convocatoria dun concurso internacional multidisciplinar para definir o Máster Plan que rexerá a transformación dos espazos portuarios e ferroviarios. Este plan deberá ser propositivo, flexible e innovador, e ofrecer unha visión a medio e longo prazo que contemple distintos escenarios de desenvolvemento.

⚙ Configurar cookies
0.15350198745728