'Coruña en Forma' comeza luns con deporte gratuíto en once lugares da cidade
O Concello da Coruña porá en marcha a partir do luns, 8 de xullo, o programa 'Coruña en Forma', unha iniciativa que ten como obxectivo converter os espazos públicos e urbanos en instalacións deportivas ao aire libre. Trátase de actividades deportivas dirixidas, abertas á cidadanía e totalmente gratuítas.
Neste sentido, desde o vindeiro luns e durante os meses de xullo e agosto, os coruñeses e as coruñesas poderán achegarse a diversas localizacións da cidade para participar nas actividades, sen necesidade de inscrición previa e sen límite de idade. Deste xeito, o exercicio físico moderado ocupará parques, rúas, paseos e prazas da cidade.
Este ano haberá once espazos nos que se levará a cabo o programa 'Coruña en Forma': miradoiro do Matadoiro, parque Europa, Barrio das Flores, praia de Riazor, praza Elíptica, parque de Vioño, praza dos Mariñeiros, praza dos Avós, Novo Mesoiro (campo Cruyff Court), praza de Espazo Coruña e praza do Centro Cívico de Palavea.
Entre as actividades dispoñibles este verán están: ioga, tai-chi, ximnasia aeróbica, zumba, maiores en forma, pilates e tonificación muscular. Ademais, haberá propostas de lecer para as fins de semana con rutas a patíns e xogos con cans. As actividades terán un nivel de intensidade moderado para adaptarse a todo tipo de persoas participantes. Todas as actividades estarán supervisadas por persoal profesional con formación na actividade física.
A programación completa de Coruña en Forma pode consultarse a través das redes sociais da Concellaría de Deportes e na seguinte páxina web.