Coruña Corre chega a Matogrande e Xuxán con máis de 2.000 persoas inscritas

ACoruñaXa
Debido ás obras na rúa Sebastián Martínez Risco, o percorrido da carreira verase lixeiramente modificado
carreira-matogrande
29 Mar 2025

A segunda cita do circuíto de carreiras populares Coruña Corre xa quenta motores para a súa celebración o domingo 6 de abril nos barrios de Matogrande e Xuxán. Con máis de 2.000 persoas inscritas ata o momento, esta proba consolida o seu papel como unha das grandes citas deportivas da cidade.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou que o prazo de inscrición remata este domingo 30 de marzo ás 23.59 horas e animou a toda a cidadanía a participar nesta carreira, que celebra xa a súa novena edición. “Esta proba dá continuidade á aposta do Goberno de Inés Rey por potenciar a presenza dos barrios na programación deportiva anual da cidade”, sinalou.

Como en anos anteriores, a carreira de Matogrande-Xuxán está aberta a participantes de todas as idades, cunha categoría absoluta para persoas adultas e diversas probas para menores: sub-18, sub-16, sub-14, sub-12, sub-10 e a categoría de peques para as máis pequenas e pequenos.

As persoas que se inscribiron en todo o circuíto e non só nesta carreira deberán confirmar a súa participación nesta segunda proba da tempada. Este trámite, pensado para facilitar a organización e garantir os servizos necesarios, xa pode realizarse a través da páxina web de Coruña Corre.

Novo percorrido con saída e meta en Xuxán

Debido ás obras de mellora que o Concello está a executar na rúa Sebastián Martínez Risco, en Matogrande, o percorrido da carreira verase lixeiramente modificado con respecto a edicións anteriores.

A saída e a meta situaranse na contorna do gran parque infantil de Xuxán, un cambio pensado para garantir a seguridade de todas as persoas participantes. Este novo punto de referencia será o punto de partida tanto da proba absoluta como das categorías inferiores e peques.

⚙ Configurar cookies
0.037810087203979