Coruña convértese en epicentro do audiovisual coa rodaxe da serie galega ‘Clanes’ de Netflix

A cidade herculina acolle nestes días a rodaxe da serie ‘Clanes’, o último gran éxito internacional da produtora coruñesa Vaca Films, que se consolidou como a serie de fala non inglesa máis vista no mundo en Netflix. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, achegouse este martes ao set de gravación acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, para poñer en valor o talento e a calidade das producións audiovisuais galegas.
Durante a visita, Blanco felicitou ao equipo artístico e técnico do proxecto, destacando que son “capaces de achegar cada día ao audiovisual galego á excelencia”. Subliñou tamén o compromiso do Executivo estatal cun sector que definiu como “estratéxico para Galicia”, e que “xera emprego de calidade, impulsa a economía e dinamiza o territorio”.
O delegado do Goberno lembrou que o Ministerio de Cultura leva destinados máis de 13 millóns de euros á industria audiovisual galega nos últimos anos, unha aposta clara polo desenvolvemento dun sector que, segundo dixo, é “motor cultural e económico do noso país”.
Blanco estivo acompañado pola directora de Vaca Films, Emma Lustres, nun percorrido polo set de rodaxe, no que puxo en valor “a calidade, creatividade e prestixio internacional” das producións feitas en Galicia. Sobre ‘Clanes’, creada por Jorge Guerricaechevarría, destacou que “demostra todo o que somos capaces de facer desde aquí”.
Ao remate da visita, animou á cidadanía a ver a serie, afirmando que “detrás hai talento galego e unha maneira propia de entender e facer cultura con maiúsculas”.
Vaca Films: un referente desde A Coruña para o mundo
Fundada en 2003 por Emma Lustres e Borja Pena, Vaca Films consolidouse como unha das produtoras máis influentes no panorama estatal, combinando éxito comercial con propostas de gran calidade. Entre os seus traballos máis destacados están “La Unidad” (Movistar+), “El desorden que dejas” (Netflix) e “Hasta el cielo: la serie”. Con ‘Clanes’, reafirma a súa posición no mercado internacional cun produto que sitúa á industria audiovisual galega no mapa global.