Corte total da estrada costeira entre Suevos e O Portiño para instalar un novo colector e evitar vertidos nas choivas

Augas de Galicia comunicou ao Concello o corte total da estrada costeira que une Suevos co Portiño (antiga DP-3002) debido ás obras de instalación dun novo colector interceptor. Trátase dunha actuación coa que se busca poñer fin aos vertidos que se producen no areal de Suevos en episodios de fortes precipitacións.
Segundo informou o organismo hidráulico, os traballos esixen o peche completo da vía porque as catas previas detectaron gran presenza de roca no subsolo. Isto obriga a executar voladuras controladas, polo que non é posible manter paso alternativo.
O corte comezará o luns 27 de outubro ás 9.00 horas e está previsto que se prolongue arredor de 4 meses, con traballo continuo tanto de día coma de noite. Durante este tempo, o tráfico rodado será desviado pola CP-0503 cara a Pastoriza e polo vial municipal de Sabón, pasando por Rañobre.
A intervención, baixo o nome 'Actuacións extraordinarias de construción dun novo colector interceptor en Suevos – EDAR Bens (Arteixo, A Coruña)', ten como obxectivo reforzar a rede de recollida de augas residuais e mellorar a protección ambiental do litoral de Suevos.