Corte temporal da estrada entre Ponte de Lambre e Trasmil por obras de pavimentación

A estrada que une a Ponte de Lambre con Trasmil permanecerá cortada o xoves 4 de setembro, durante a tarde, e durante todo o venres 5, debido ao inicio das obras de pavimentación promovidas polo Concello de Paderne.
O investimento, que ascende a 60.369,32 euros, cubrirá dous proxectos nas parroquias de Souto e Viñas, financiados a través do Plan Camiña Rural para o período 2025-2026, previa aprobación dos proxectos por parte de Agader. As actuacións incluirán a apertura de cunetas e a instalación dun firme de pedra con posterior aglomerado en tramos como o Camiño de Lambre, en Viñas, ao longo de 1.020 metros lineais, e tamén no Camiño Gas, na parroquia de Souto.
O Concello subliña que estas actuacións teñen como obxectivo mellorar a seguridade e a calidade das vías rurais, facilitando o tránsito de vehículos e peóns, e impulsando a conectividade entre as parroquias. Pola súa parte, piden desculpas polas molestias que poida ocasionar este corte temporal e agradecen a comprensión da veciñanza mentres se executan os traballos.