Corte de tráfico en San Andrés este domingo 21 na Coruña: horario, treito afectado e actividades do Día sen Coches

A renovada rúa San Andrés pecharase ao tráfico este domingo, 21 de setembro, de 10.00 a 14.00 horas, con motivo do Día sen Coches. O corte afectarará ao treito entre a praza de Pontevedra e Pórtico, convertendo a vía nun gran espazo peonil con propostas de lecer e educación viaria para todas as idades.
A xornada enmárcase na Semana Europea da Mobilidade e procura concienciar sobre os beneficios da mobilidade sostible e da seguridade viaria. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, salientou que as edicións anteriores en San Andrés “axudaron a que a cidadanía valorase a recuperación de superficies peonís, máis osixenadas e abertas a camiñar”, un enfoque que culminou na reurbanización da rúa executada polo Goberno de Inés Rey, cun investimento de 3,2 millóns de euros e máis arborado e espazos para as persoas.
Durante o peche, o Concello contará coa colaboración da DGT, Stop Accidentes, Mobi-liza, Galicia Rollers, Sistema Lupo e a Asociación Xuvenil Escóitame. A maior parte das actividades diríxese a rapazas e rapaces de 3 a 15 anos, con xogos infantís, espazo didáctico de tráfico e percorridos de patinaxe.
A organización recomenda planificar desprazamentos alternativos durante o horario de corte (10.00–14.00 horas) e lembra que, fóra deste intervalo, recuperarase a circulación habitual.