Convocados os primeiros Premios de Turismo da Deputación da Coruña

ACoruñaXa
Os premios recoñecerán o labor de persoas e entidades destacadas en innovación, sostibilidade e desenvolvemento do turismo na provincia, con prazo de presentación de candidaturas ata o 28 de outubro
Premios Turismo Deputación Coruña
16 Out 2024

O Boletín Oficial da Provincia publicou as bases da primeira edición dos Premios de Turismo da Deputación da Coruña, que buscan recoñecer o labor de persoas, empresas e entidades que desenvolvan a súa actividade na provincia e que se destaquen pola súa traxectoria, innovación e sostibilidade, así como pola súa contribución ao desenvolvemento diferenciador e de calidade do turismo no territorio coruñés.

Establécense cinco premios nas seguintes categorías:

Mellor iniciativa de innovación e calidade turística: Para aquelas persoas, empresas ou entidades que desenvolveran, nos últimos 10 anos (desde xaneiro de 2014), programas de innovación turística diferentes, innovadoras e de calidade na provincia.

Mellor iniciativa de sostibilidade social aplicada ao turismo: Para aquelas persoas, empresas ou entidades que levaran a cabo, nos últimos 10 anos (desde xaneiro de 2014), accións de sostibilidade social, solidarias, de economía circular ou en dirección ao cumprimento dos ODS en programas ou iniciativas de promoción e desenvolvemento turístico.

Mellor iniciativa para poñer en valor a autenticidade do territorio: Para aquelas persoas, empresas ou entidades que desenvolveran, nos últimos 10 anos (desde xaneiro de 2014), accións que resalten o arraigo e a singularidade do territorio, incluíndo accións de mellora da sostibilidade medioambiental.

Premio ao mellor proxecto de turismo emerxente: Para aquelas persoas ou empresas que, nos últimos 3 anos (desde xaneiro de 2021), se destacaran polos méritos obtidos e/ou os resultados dun proxecto.

Premio a toda unha vida dedicada ao turismo: Reconocimiento á persoa, empresa ou entidade que se destaque de maneira notable pola súa traxectoria en calquera ámbito do turismo provincial.

O xurado tamén poderá recoñecer, a título individual, a un máximo de dúas persoas, empresas ou entidades que, a pesar de non ser propostas, levasen a cabo unha labor no eido do turismo provincial que mereza ser destacada.

Os gañadores recibirán un galardón conmemorativo nunha gala organizada pola Deputación, que se celebrará o 8 de novembro no Hotel NH Finisterre. O xurado estará presidido polo vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, quen participará con voz pero sen voto, e estará formado por técnicos de turismo e profesores do grao de turismo da Universidade da Coruña.

As candidaturas presentaranse de xeito telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica (SUBTEL). O prazo rematará ás 14 horas do vindeiro 28 de outubro. As bases poden consultarse ou descargarse no BOP do 11 de outubro.

0.18883895874023