Convocado o 10º Concurso de Maios en Arteixo para celebrar a chegada da primavera

A concellaría de Cultura do Concello de Arteixo convoca o 10º Concurso de Maios para celebrar a chegada da primavera e a tradicional Festa das Flores. As bases reguladoras foron aprobadas na Xunta de Goberno Local do 6 de febreiro e publicadas no BOP núm. 32 do 17 de febreiro de 2025.
Os maios participantes serán expostos na Avenida do Balneario o venres 23 de maio, co obxectivo de promover a tradición, o respecto pola natureza e fomentar a creatividade e o goce polo artístico. Este evento é unha oportunidade para poñer en valor as costumbres de Galicia e implicar á cidadanía na celebración da primavera.
Neste concurso estableceranse dúas modalidades: a modalidade de Maio Tradicional, que representa formas como pirámides, conos ou cruceiros elaborados con materiais naturais, típicos de Galicia como madeira, flores silvestres, froitas, xestas, musgo, entre outros; e a modalidade de Maio Artístico, que consistirá en recrear figuras humanas, escenas cotiás, monumentos, obras de arte ou unha representación libre dos maios, podendo utilizar calquera tipo de material.
As dimensións dos maios deberán estar comprendidas entre 1,5 e 2 metros de altura. Cada modalidade contará cun único premio de 400 euros, e tamén se concederá un premio especial de 400 euros para centros educativos. Ademais, un total de 100 euros será asignado como premio de participación aos traballos que cumpran os requisitos establecidos polo xurado. O número máximo de maios admitidos será de 22, polo que se terá en conta a orde de inscrición.
As inscricións deberán realizarse a través da sede electrónica do Concello ou no Servizo Municipal de Cultura, antes das 14.00 horas do día 16 de maio de 2025. A entrega de premios terá lugar o venres 23 de maio na Praza do Balneario ás 13.00 horas, e, en caso de choiva, a actividade trasladarase á Capela do Balneario.
Este concurso segue a ser unha das actividades máis destacadas no calendario cultural de Arteixo, onde se combina a tradición coa creatividade, e onde a veciñanza pode gozar da nosa rica e variada cultura galega.