Convenio na Coruña para coordinar a acollida de 15 menores refuxiados procedentes da guerra de Mali

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da asociación Ecos do Sur, Ana Ulloa, asinaron este luns un convenio de cooperación para coordinar actuacións de acollida e atención a persoas menores solicitantes de asilo no marco do Sistema Nacional de Acollida de Protección Internacional.
A institución provincial acolle desde o pasado setembro na residencia do IES Rosalía Mera da Coruña a 15 menores refuxiados procedentes da guerra de Mali, nenos e nenas de entre 9 e 15 anos que chegaron a Galicia tras un auto do Tribunal Supremo que lles recoñece o acceso e permanencia no sistema estatal.
A acollida enmárcase nun dispositivo de emerxencia coordinado pola Secretaría de Estado de Migracións, dependente do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, coa colaboración de Ecos do Sur, entidade sen ánimo de lucro con sede na Coruña e federada en Red Acoge.
Co acordo, a Deputación pon a disposición da rede estatal un dos espazos rehabilitados da antiga residencia Rosalía Mera, adaptado para unha atención temporal e integral. O centro ofrece aloxamento, manutención, apoio psicolóxico e acompañamento social, co obxectivo de garantir unha acollida digna nun momento de especial vulnerabilidade.
Formoso defendeu que ‘a Deputación da Coruña ten a obriga moral de colaborar ante unha crise humanitaria desta magnitude’, e subliñou a vontade de contribuír ‘á defensa dos dereitos humanos’ en coordinación co Estado. Pola súa banda, Ecos do Sur será a entidade encargada da xestión do programa, cun equipo técnico especializado para prestar atención continuada, incluíndo acompañamento social, atención psicolóxica e apoio educativo, en coordinación cos servizos públicos.
O convenio ten vixencia ata o 28 de febreiro de 2026, con posibilidade de prórroga.