Controlado o incendio forestal no Monte Costa grazas á rápida intervención dos servizos de emerxencias

ACoruñaXa
O dispositivo contou con brigadas de Medio Rural, bombeiros de Arteixo, emerxencias de Culleredo e Oleiros, así como Policía Local e Garda Civil
CULLEREDO extinto lume
18 Aug 2025

Na madrugada deste luns quedou controlado o lume forestal declarado no Monte Costa, en Culleredo. Segundo informou o Aeroporto de Alvedro, detectáronse dous focos no inicio do incendio, o que obrigou a activar de inmediato un amplo operativo de seguridade.

Na extinción participaron brigadas de Medio Rural equipadas con motobombas e helicóptero, o servizo de Emerxencias de Culleredo, os bombeiros do parque provincial de Arteixo, efectivos de Emerxencias de Oleiros, así como Policía Local e Garda Civil. O Concello mobilizou tamén os servizos de augas e de limpeza viaria para dar apoio ás tarefas.

O alcalde, José Ramón Rioboo, seguiu de preto as operacións desde o posto de mando establecido en Cillobre. O rexedor agradeceu ao conxunto de profesionais e corpos de seguridade o seu esforzo e dedicación, destacando que a situación estivo baixo control en todo momento.

Rioboo lamentou a “lacra dos incendios forestais” que afectan a Galicia e fixo un chamamento á cidadanía para colaborar, avisando ás forzas de seguridade ante calquera sospeita de acción incendiaria.

⚙ Configurar cookies
0.25759196281433