Contratada a obra que unirá os paseos da ría entre Oleiros e Cambre

O Ministerio para a Transición Ecolóxica comunicou a contratación das obras do paseo da ría no Seixo, a peza que faltaba para unir os paseos de Oleiros coa zona do Graxal, en Cambre. O contrato ascende a 1,8 millóns de euros e prevé un prazo de execución de nove meses, co obxectivo de pechar a continuidade do trazado costeiro e favorecer a mobilidade activa e o lecer ao longo do bordo marítimo.
En paralelo, o treito pendente entre Beiramar e O Paraíso, duns 200 metros, adxudicarase antes de rematar o ano. Con ambas intervencións, quedará practicamente completada a circunvalación da ría a pé ou en bicicleta desde Oleiros ata A Coruña, pasando por Cambre e Culleredo. O Concello de Oleiros salientou que este avance culmina un proceso de xestión iniciado tras o dragado da ría e enmárcase nunha estratexia municipal que leva anos abrindo e mellorando sendas costeiras desde Lorbé ata Perillo, á que se engadirá proximamente o tramo litoral de Dorneda entre Naval e Canide.