Continúan os traballos de ampliación do parque infantil da rúa Avogacía

ACoruñaXa
O obxectivo é mellorar unha das infraestruturas máis utilizadas do barrio de Catro Camiños
obras-parque-rua-avogacia
12 Out 2024

O Concello da Coruña avanza nos traballos de ampliación do parque infantil de Avogacía, na praza da Fábrica de Tabacos, co obxectivo de mellorar unha das infraestruturas máis utilizadas do barrio de Catro Camiños. A actuación, que conta cun investimento de 126.539,08, permitirá duplicar a capacidade actual da área de ocio infantil.

A superficie da instalación contaba ata o comezo das obras con sete xogos, tanto de uso colectivo como individual, ideados para un máximo de 41 persoas usuarias, distribuídos en 235 metros cadrados. Coa remodelación do parque, incrementarase a superficie ata 325 metros cadrados e disporase do primeiro xogo adaptado do parque, seguindo a liña do Goberno de Inés Rey para a promoción da inclusión dos parques infantís da cidade.

A ampliación do parque permitirá dispoñer do espazo necesario para o novo xogo, unha cúpula sensorial con randeeiras, ideada para promover o desenvolvemento das habilidades motrices da rapazada, e que inclúe diversas estruturas coma un tobogán de roletes e paneis ópticos e un bambán en forma de cápsula. Deste xeito, o parque pasará a contar cunha capacidade máxima de 91 usuarias e usuarios, máis do dobre que na actualidade.

Desta forma, o Goberno local avanza no seu Plan integral de mellora dos parques infantís ao tempo que adapta esta área infantil á súa realidade actual, unha das que concentra a máis persoas usuarias no barrio. Ademais, ata o de agora, este parque carecía de xogos adaptados a nenas ou nenos con diversidade funcional. As obras prolongaranse durante catro meses.

0.1872980594635