Continúan as folgas no transporte en autobús da Coruña na novena xornada sen avances no convenio

ACoruñaXa
O paro do 23 de xaneiro mantense e, se non hai acordo, a folga pasará a ser indefinida o 2 de febreiro
A CORUÑA folga bus 20 xan
21 Jan 2026

O conflito laboral do transporte de viaxeiros en autobús na provincia da Coruña mantense enquistado. Este martes, 20 de xaneiro de 2026, o persoal chegou á novena xornada de folga, cunha actividade moi reducida nas principais cocheiras e estacións, onde se despregaron piquetes informativos desde primeira hora.

A parte social sostén que, polo momento, non hai sinais de desbloqueo nas negociacións do convenio. Segundo trasladan as centrais, a patronal (con empresas como Monbús, Alsa e Arriva) aínda non concretou se acepta a mediación solicitada o pasado venres no AGA, un paso que se pediu ante a falta de avances na mesa de diálogo.

O representante da CIG Ernesto López Rei asegura que a resposta empresarial foi ‘ambigua’ e que inclúe condicións previas. Entre elas, sitúa a demanda de suspender as mobilizacións para iniciar a mediación, algo que o sindicato rexeita mentres non haxa “ningún tipo de avance nin mesa de negociación aberta”. Tamén apunta que o propio procedemento do AGA non contempla esixir requisitos previos para aceptar ou non a mediación.

Os sindicatos cargan, ademais, contra o papel da Xunta de Galicia, á que atribúen unha “inacción” ante un conflito que está a afectar de cheo ao servizo. “Isto non se vai solucionar sen negociación”, advirte López Rei, que considera que o Goberno galego debería impulsar un marco de diálogo.

Co escenario aínda bloqueado, as organizacións sindicais confirman que a folga convocada para o venres 23 de xaneiro seguirá adiante e lembran que, se non se producen avances nin un acordo, o paro pasará a ter carácter indefinido a partir do 2 de febreiro.

⚙ Configurar cookies
0.087146997451782