Consorcio As Mariñas reactivará en outubro as sesións de formación e o reparto de composteiros para fogares da comarca

O Consorcio As Mariñas anunciou que retomará en outubro as charlas formativas e o reparto de composteiros en todos os municipios da entidade, co obxectivo de consolidar un modelo de xestión sostible que reduce a fracción orgánica e transforma os biorresiduos en recurso útil para o fogar. A alta demanda mantense en auxe, con centos de solicitudes en lista de espera e preto de 800 vivendas xa incorporadas ao programa.
As sesións incluirán a entrega do kit completo de autocompostaxe (composteiro, aireador, termómetro e peneira) e unha formación práctica para aprender o proceso, resolver dúbidas habituais e garantir o bo funcionamento do equipamento. As datas concretas comunicaranse polas canles oficiais do Consorcio e dos concellos, e a inscrición permanece aberta para a veciñanza interesada.
A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, reforzando un modelo de xestión próximo, participativo e con impacto ambiental positivo en toda a comarca das Mariñas.