Coñecemos ao Club Halterofilia Cambre: "A maioría da xente cre que todos os que fan halterofilia son enormes"

Por Amanda Fernández
Falamos con Ester Garea Álvarez, presidenta do Club Halterofilia Cambre, para saber máis da entidade e do propio deporte.
Cal é a historia e os inicios do Club Halterofilia Cambre?
O noso director técnico, Francisco García, tivo a idea e eu apunteime, a verdade. El competiu en halterofilia, foi campión de España e é adestrador Nivel II Nacional, a máxima titulación de adestrador de Halterofilia actualmente.
A finais do ano 2020 decidimos crear o Club e escollemos facelo en Cambre, xa que é onde vivimos e non había ningún outro Club de Halterofilia. Así que falámolo co que era o concelleiro de deportes naquel momento e puxémonos a iso.
O primeiro ano do Club, o 2021, foi un pouco para empezar a rodar e no ano 2022 creamos os equipos absolutos e comezamos a competir na liga Nacional Absoluta. Ademais, os deportistas tamén compiten individualmente nas súas respectivas competicións.
Que tipos de disciplinas deportivas organiza o club? Referente na halterofilia? Hai outras opcións na zona?
O Club organiza 4 xornadas de Liga ao ano, ademais de varios torneos como o de Nadal e outros para que todos os nosos deportistas teñan a oportunidade de competir. A xente que leva pouco tempo, que non se clasifica para competicións nacionais ou que non quere ir a ese tipo de competicións, así ten a oportunidade de ver o froito do seu traballo diario.
Por que é a halterofilia un deporte pouco visibilizado? En que momento se atopa?
Supoño que, ao ser un deporte minoritario, non se lle dá toda a visibilidade que se podería ou que reciben outros deportes máis populares. Ao final, é a pescada que se morde a cola. Nós intentamos darlle toda a difusión posible compartindo todo o que facemos, porque ao final é a única forma de achegarlle a halterofilia aos demais e espertarlles curiosidade.
Eu creo que se atopa nun bo momento, cada vez hai máis xente practicando halterofilia. En parte, vénnos polo CrossFit, que está moi de moda e, entre outros exercicios, inclúe a arrancada e os dous tempos. A xente que quere mellorar a técnica e reforzar esa parte para ser mellor no conxunto acaba buscando un adestrador de halterofilia. E outra xente directamente queda coa halterofilia.
Que estereotipos hai arredor da halterofilia?
Esteriotipos mil. A maioría da xente cre que todos os que fan halterofilia son enormes, están super fortes... e a halterofilia, eu diríache que nada que ver. Hai xente de 45 quilos e xente de 150 quilos que fai halterofilia, cada un na súa categoría e sen parecerse en nada, sen embargo fan o mesmo deporte. Iso pasa en poucos deportes, por non dicir en ningún, normalmente adoita haber un prototipo para cada deporte.
Cal son as próximas citas que tedes a curto prazo no plano competitivo?
A nivel equipo, o máis importante son as Xornadas de Liga Nacional, na que compite o noso equipo Feminino Absoluto que acaba de ascender a División de Honra e queremos clasificarnos para a Copa da Raíña outra vez, xa que o ano pasado nos clasificamos pero non puidemos acudir por lesións. O equipo masculino loitará por ascender a División de Honra.
A nivel de deportistas individuais, conseguir clasificacións para Campionatos de España e todas as medallas posibles.
Como se pode unir alguén ao club ou participar nas vosas actividades?
Pódense poñer en contacto connosco a través do noso Instagram @clubhalterofiliacambre e informámoslles de todo o que necesiten, ademais poden vir a facer unha clase de proba.
Que logros salientables acadou o club ao longo da súa traxectoria?
Conseguimos ascender de división por ano dende que comezamos en 2022 ata chegar á División de Honra co noso equipo feminino absoluto. Ademais, a tempada pasada (ano 2024, competimos de xaneiro a decembro) quedaron Campións Galegos Absolutos por Clubs. Os rapaces están a tan só un paso das rapazas en Primeira División. E temos un triple campión de España Absoluto durante 2 anos consecutivos, ademais de outros medallistas en Campionatos Galegos e de España nas súas categorías.
Cal é a vosa visión e obxectivos para o futuro do club?
Manterémonos na cima, fomentar o deporte base no Club e levar a halterofilia ao maior número de xente posible. Gustanos facer as cousas ben.
Cantas categorías hai no club? Hai dende nenos a adultos?
Temos nenos e nenas desde 10 ou 11 anos, que é a idade ideal para comezar, e non temos tope de idade. Temos desde técnica ata masters.
Como describirías o impacto do club na comunidade local de Cambre? Hai moita rapazada da zona?
A xente vaise animando pouco a pouco, o feito de que imos gañando cousas e de que se nos vai vendo máis axúdanos a que a xente nos coñeza, se anime a probar ou saiba de nós e veña.
Que consellos darías a alguén que estea interesado en iniciarse na halterofilia?
Que se anime, que polo menos probe para ver como é e que lle dea unha oportunidade, e que se ten calquera dúbida que nos a pregunte. Pero que non se quede coas gañas.