Coñecemos a asociación Arela Cambre: unha resposta comunitaria ás necesidades da diversidade funcional

ACoruñaXa
Unha entidade que leva case dúas décadas dirixindo os seus esforzos ás persoas con diversidade funcional e as súas familias
arela-cambre
19 Jul 2025

Por Amanda Fernández

En Cambre, a Asociación Arela leva case dúas décadas traballando arreo por e para as persoas con diversidade funcional. Falamos con Concepción Ageitos Santos, tesoureira da entidade, quen nos achega á realidade desta asociación: os seus inicios, os retos actuais, a resposta da veciñanza e a importancia de seguir creando espazos accesibles e inclusivos para todos e todas.

Cando e como naceu a Asociación Arela Cambre?

Arela naceu no ano 2007 como reposta as inquedanzas dunhas poucas familias de nenos e nenas con diversidade funcional, nese momento aínda pequenos, e que necesitaban terapias diversas como logopedia, terapia ocupacional ou fisioterapia neurolóxica.

Cal é o principal obxectivo ou misión da asociación hoxe en día?

Hoxe en día os nosos usuarios abranguen distintas idades e diferentes diagnósticos, polo que intentamos suplir e cubrir as súas necesidades na medida do posible.

"Séguese a necesitar máis información, divulgación e visibilidade de pequenas asociacións coma a nosa"

Que tipo de actividades desenvolvedes ao longo do ano e cales son as máis destacadas nesta época de verán?

Ao longo do ano as actividades que desenvolvemos son terapias individuais de logopedia, terapia ocupacional e fisioterapia neurolóxica.

En época de verán solemos ter un campamento urbano de 9.30 a 16.30 horas para axudar á conciliación familiar cando os centros de día pechan as súas portas. Este mes pasado comezamos unha actividade nova, ioga adaptada, que está a ter unha gran acollida.

Como valorades a acollida e participación da comunidade de Cambre nas dinámicas e actividades que desenvolve a asociación?

A xente participa as veces de diferentes maneiras, hai quen fai unha aportación económica como socios colaboradores; que o fai colaborando como voluntario nalgunhas das nosas actividades; e quen o fai tomando parte en elas, como no caso do ioga adaptado.

Séguese a necesitar máis información, divulgación e visibilidade de pequenas asociacións coma a nosa.

Que tipo de apoio institucional ou colaboración tedes actualmente?

Actualmente contamos co apoio e colaboración da Deputación da Coruña, coa Xunta de Galicia, co Concello de Cambre e con Caixabank Cambre.

"Para nós é un orgullo loitar día a día por seguir facendo esas terapias tan necesarias para os nosos usuarios"

Cales son os principais retos que enfrontades a curto e medio prazo como entidade?

Aínda que poda soar un pouco prosaico, o principal retos sempre é a posibilidade de lograr financiamento para o mantemento das nosas actividades. En case todas as actividades hai unha parte que paga o usuario e outra que subvenciona a asociación.

Que mitos considerades que seguen imperando arredor da diversidade funcional?

Hai moitas persoas que aínda non saben o que significa a diversidade funcional, aínda a día de hoxe, en pleno século XXI prefiren afastarse e mirar cara a outro lado. Cada vez máis persoas con diversidade funcional están a entrar en tódolos ámbitos da nosa sociedade, dende o laboral, cultural, musical…

Que significa para vós formar parte de Arela Cambre e que mensaxe vos gustaría transmitir á sociedade?

Moitas das persoas que formamos Arela somos socios fundadores, outras foron chegando co tempo. Para nós é un orgullo loitar día a día por seguir facendo esas terapias tan necesarias para os nosos usuarios, cubrir cos campamentos a necesidade de conciliación familiar e de cando en vez facer algunha actividade illada como terapia con animais, musicoterapia, terapia psicolóxica ás familias e algunha outra que seguro agora mesmo deixo no tinteiro.

 

⚙ Configurar cookies
0.18389201164246