Condenado en Bergondo a pagar 2.100 euros por mariscar ilegalmente 227 quilos de ourizos

O Xulgado do Penal número 3 da Coruña condenou ao pagamento dunha multa de 2.100 euros a un home acusado de marisqueo ilegal, ao ser interceptado con 227 quilos de ourizos recén extraídos na praia do Pedrido, en Bergondo, sen contar coa correspondente autorización. Ademais, o maxistrado impónlle unha inhabilitación de tres anos para o exercicio da actividade marisqueira.
Na sentenza, o xuíz considera probado que o acusado, xunto cunha terceira persoa non identificada, “colaborou activamente na extracción de ourizos de mar, contravindo as máis elementais normas reguladoras da actividade”. Os feitos tiveron lugar o 26 de abril de 2023, arredor das 19.45 horas, cando o home se atopaba cun vehículo tipo pick-up na zona da praia. Ao aproximarse unha planadora á costa, dirixiuse á rampla de acceso e cargou seis salabardos e cinco capachos cheos de ourizos vivos, recentemente extraídos.
Axentes da Garda Civil interceptárono pouco despois na estrada de acceso á praia, e procederon á devolución dos ourizos ao mar para evitar a súa morte. Segundo recolle a sentenza, a mercadoría alcanzaría no mercado un valor de 2.560 euros.
O maxistrado sinala que o condenado carecía de calquera permiso para a explotación deste recurso, e que, aínda que é armador dunha embarcación, esta non conta con autorización para a captura de ourizos. Ademais, lembra que o plan conxunto das confrarías da Coruña e Barallobre establece un tope de 80 quilos diarios por mergullador autorizado.
A resolución xudicial conclúe que esta práctica “supón esquilmar os recursos marisqueiros e repercute na estabilidade, o mantemento e a correcta xestión do recurso”, vulnerando a Lei 11/2008 do 3 de decembro e o Decreto 153/2019 do 21 de novembro sobre conservación e explotación mariña.
A sentenza aínda non é firme e pode ser recorrida ante a Audiencia Provincial da Coruña.