Concentración no CEIP Gonzalo Torrente Ballester para esixir máis recursos para o alumnado con necesidades especiais

A concentración convocada pola Asociación de Familias do Alumnado (AFA) do CEIP Gonzalo Torrente Ballester, en Sigrás (Cambre), reuniu este mércores ás 14.15 horas a decenas de nais, pais, avós, profesorado e veciñanza á porta do colexio para reclamar máis recursos humanos que garantan a atención digna do alumnado con necesidades educativas especiais.
Co lema 'Cando Paulo recibe apoio, todo o cole medra' nunha gran pancarta, o momento máis impactante, lembra Arantxa Blanco, nai de Paulo, foi 'o silencio absoluto que se fixo cando a prensa comezou a facer as fotos, coa pancarta xa despregada'. Un silencio que, di, expresaba tanto o cansancio como a determinación da comunidade educativa.
O CEIP Gonzalo Torrente Ballester conta na actualidade con só unha coidadora, medio posto de Orientación, un mestre de Pedagoxía Terapéutica (PT) e medio de Audición e Linguaxe (AL), unha dotación que as familias consideran claramente insuficiente para un centro con arredor de 190 persoas entre alumnado e profesorado.
A AFA leva meses reclamando á Consellería de Educación a revisión e actualización dun catálogo de postos que non se revisa desde hai máis de tres décadas, así como a cobertura completa das prazas de Orientación, PT, AL e persoal de apoio educativo. A demanda chega avalada por preto de 2.000 sinaturas recollidas entre a comunidade educativa e a veciñanza.
No centro, a falta de recursos traducese en situacións límite para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. O caso de Paulo, un neno de tres anos con Trastorno do Espectro Autista (TEA) non verbal, é un dos exemplos que poñen rostro ao problema: precisa apoio constante para cuestións básicas de autonomía, segue a usar cueiro e tende a fuxir se ninguén está pendente del, sobre todo nos recreos.
'Arredor de Paulo hai un equipo docente implicado, pero se non hai máis profesionais é imposible garantir unha escolarización plena. Non se lle pode pedir á mestra que estea en todo se non ten reforzos suficientes', resume Arantxa.
As familias insisten en que a súa reclamación non é unha petición puntual, senón unha cuestión de dereitos. Lembran que a LOMLOE e a Carta Europea dos Dereitos do Neno recollen o principio de equidade e obrigan as administracións a dotar os centros dos recursos necesarios para garantir a inclusión real.
Porén, a resposta institucional segue sen chegar. 'Desde setembro envío correos, solicitudes e escritos á Xunta explicando a situación de Paulo e non recibín contestación ningunha', denuncia Arantxa. Conta que chegou a solicitar unha reunión co conselleiro de Educación: 'Contestáronme rápido ata que expliquei o motivo da cita. Nese momento, deixaron de responder'.
A nai lembra tamén unha reunión co inspector educativo asignado ao centro. 'Díxome que ao colexio non se lle ía mandar ningún profesional máis porque, segundo a ratio, o centro cumpre a lei. Incluso chegou a admitir que non len os informes que lles chegan porque todos piden o mesmo. É moi triste ter que contar isto', lamenta. Para ela, o problema está en que 'os catálogos levan máis de trinta anos sen actualizarse e as necesidades mudaron moitísimo. Cada vez hai máis nenos e nenas con necesidades especiais e, con todo, hai menos especialistas. Iso non se pode consentir'.
Na mobilización do 26 de novembro participaron numerosas familias e tamén representantes da oposición no Concello de Cambre, concretamente membros do PSOE, Unión por Cambre e Alternativa dos Veciños, aos que Arantxa di estar 'infinitamente agradecida' polo seu respaldo.
En cambio, a súa percepción do papel do goberno local é moito máis crítica. 'Síntome máis comprendida pola oposición que polo propio goberno. Pedín cita coa alcaldesa e tardou case un mes en recibirme, e foi a raíz de que o problema saíse na prensa. Ao final díxome que todo é moi difícil porque se cumpre coa lei e que eles só transmiten o que lles marcan desde arriba', explica. Para ela, o Concello 'ten as directrices moi marcadas' e perdeu unha oportunidade de amosar un apoio claro: 'Hoxe poderían ter vido á concentración, e que eu saiba non o fixeron'.
Arantxa recoñece que chega a esta nova mobilización 'esgotada' despois de meses de xestións: 'Tratei co Concello, fixen milleiros de escritos, milleiros de correos. Creo que non queda ningunha administración á que non chamara á porta, pero sinto que todo son paos de cego porque ninguén che dá unha resposta clara. Son especialistas no non'.
A nivel persoal, con todo, di que non se rende: 'En casa vivimos isto coa esperanza e a ilusión de que se poida conseguir algo. Agora mesmo Paulo, despois de moito esforzo, xa consegue aguantar toda a xornada no cole, e iso axúdanos a non perder a esperanza'.
Sobre o futuro, é rotunda: 'Isto é só o principio. Eu, polo menos, vou ir onde teña que ir, vou volver onde teña que volver e non me vou cansar de loitar. Se a Xunta segue sen dar unha resposta clara, por suposto que nos plantexamos novos pasos de protesta e mesmo accións legais. Vou chegar a onde faga falta'.
Preguntada por como sería ese día no que puidera dicir 'xa está, conseguimos o que precisabamos', a nai non dubida: 'Perdería todo o tempo do mundo para que se dera ese suposto e o meu fillo tivera por fin unha escolarización plena. Non pedimos privilexios, pedimos que se respecten os seus dereitos e os do resto de nenos e nenas do centro'.