Concello de Betanzos e Deputación impulsan un convenio para renovar a zona infantil do Pasatempo

O Concello de Betanzos e a Deputación da Coruña pecharon un acordo para formalizar un convenio que permita renovar e modernizar a área de xogos infantís do Pasatempo, unha das máis empregadas pola veciñanza. O goberno local sitúa a mellora destas zonas como unha das liñas prioritarias do mandato e busca agora facer realidade unha actuación que non puido financiarse a través dos fondos Next Generation.
Segundo avanzou o Concello, o seguinte paso será a aprobación do convenio por parte do ente provincial ao comezo deste ano, momento no que se activará a tramitación para executar un proxecto xa validado e dotado con 300.000 euros.
A intervención contempla a instalación de 20 novos elementos pensados para diferentes idades, entre os que figuran unha estrutura multixogo, un carrusel, xogos de equilibrio, un columpio, unha torre, balancíns, saltadores, pasarelas tipo ponte, módulos de escalada e paneis táctiles. O obxectivo é ampliar a oferta lúdica con criterios de accesibilidade e inclusión, ademais de substituír e renovar o caucho de seguridade de todo o recinto.
Pola localización do parque, algunhas pezas incorporarán detalles inspirados no Pasatempo enciclopédico promovido por Juan García Naveira, un espazo singular de Betanzos que conta con protección patrimonial como Ben de Interese Cultural (BIC).
Esta actuación enmárcase no programa municipal de renovación e creación de parques infantís anunciado pola alcaldesa, María Barral, con intervencións e proxectos en puntos como Travesa, Cabildos, Alfonso IX, a contorna da piscina municipal ou o Xuncaliño, aos que se suman futuras reformas en A Ribera, Pintor Seijo Rubio, A Condesa, Viuxe e a prevista nova área na praza do Emigrante.