Concello da Coruña e UDC avanzan na Cidade das TIC cun novo acordo de colaboración

ACoruñaXa
Coa fin de dar un novo impulso e este proxecto estratéxico situado nos terreos da antiga Fábrica de Armas
tic-corunha
26 May 2025

O Concello da Coruña e a Universidade da Coruña (UDC) veñen de acordar a creación dun marco de colaboración plurianual co obxectivo de dar un novo impulso á Cidade das TIC, o proxecto estratéxico situado nos terreos da antiga Fábrica de Armas. O documento será levado esta semana aos órganos de goberno de ambas as institucións para a súa aprobación formal e posterior sinatura.

O acordo busca consolidar a cooperación interadministrativa entre as dúas entidades, facilitando a toma de decisións que favorezan o desenvolvemento do proxecto e promovendo políticas públicas que contribúan ao “principio de desenvolvemento territorial e urbano sustentable”.

Tanto o Concello como a Universidade coinciden na necesidade de solicitar ao Ministerio de Defensa a transmisión da concesión demanial dos terreos —concedida á UDC no ano 2020— a favor do Concello. Esta cesión é considerada clave para desbloquear futuras actuacións no ámbito da Cidade das TIC. Unha vez autorizada a transmisión, o Concello comprométese a ceder á UDC tres edificios e a apoiar economicamente a súa rehabilitación ao longo de varias anualidades.

Para a alcaldesa Inés Rey, a firma deste convenio representa “o paso necesario para poder dar o impulso definitivo á Cidade das TIC e convertela nun polo industrial e tecnolóxico que supoña un incentivo dinamizador para o sector docente, empresarial e cultural da cidade e da propia Comunidade Autónoma”.

O espazo que ocupa a Cidade das TIC abrangue unha superficie de 127.943 metros cadrados, con 22 edificacións existentes. Na actualidade, xa están en funcionamento tres proxectos clave: o Galaxy Lab, o Centro de Servizos Avanzados (CSA) e o Coruña Estudo Inmersivo (CEI). A estes engadiranse próximamente dúas novas iniciativas: o Centro de Formación Especializada en Novas Ocupacións vinculadas coa Transición Verde Dixital —promovido pola Xunta de Galicia e actualmente en fase de licitación— e o Centro de Produción Audiovisual Avanzada (CPAA), impulsado pola sociedade Pedralonga Estudios.

 

⚙ Configurar cookies
0.14703798294067