Comezan as xornadas de portas abertas nas naves da antiga fábrica de Viriato

O Concello de Ordes lembra que este sábado 18 de outubro comezan as xornadas de portas abertas nas naves da antiga fábrica de Viriato, coa primeira visita guiada en horario de 10.00 a 12.00 horas. Trátase das últimas ocasións para coñecer o complexo antes da súa demolición, cunha segunda quenda prevista para o 8 de novembro.
O punto de encontro será a entrada principal da instalación (rúa Juanjo Liñares). Recoméndase acudir con calzado cómodo e levar lanterna, dado o estado das naves e para facilitar o percorrido polos espazos interiores. As rutas estarán conducidas por persoal especializado e incluirán explicacións sobre a evolución da planta, a súa organización produtiva e o seu impacto laboral no municipio.
A actividade quere servir como acto de memoria colectiva arredor de Viriato, marca nacida en 1951 e convertida nun referente do xénero de punto en Galicia e fóra dela. A factoría pechou en 2017, poñendo fin a case seis décadas de actividade e deixando unha fonda pegada na historia industrial de Ordes.