Comezan as obras dos novos accesos ao CHUAC

A Xunta vén de iniciar as obras dos accesos ao Novo Chuac, intervención coa que xa están en marcha todas as actuacións para impulsar a ampliación do complexo hospitalario. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitou hoxe estes traballos, que contan cun investimento de 24,2 millóns de euros.
En concreto, a intervención dos accesos consistirá na execución do anel perimetral que rodeará o complexo hospitalario, ata a intersección co viario existente, no cruzamento da rúa Curramontes coa rúa Castaño de Eirís, ademais da remodelación do enlace que conecta o Chuac coa Avenida da Pasaxe (AC-12).
Trátase, como destacou a conselleira, dunha actuación de gran complexidade técnica e, entre os trazados e estruturas que se van executar destacan a nova glorieta do acceso á AC-12, de 44 metros de diámetro exterior, así como a coordinación do trazado do viario perimetral cos accesos ao hospital e con 5 viarios cos que conecta, ou os 3 viadutos previstos. Deles, un irá sobre a AC-12, outro estará no cruce da nova entrada e saída dende a AC-12, e o terceiro no anel perimetral. En total, levaranse a cabo 4 km de viais e o prazo de execución é de 21 meses.
M. Allegue lembrou que o inicio da demolición do Hotel de Doentes, así como a execución do párking provisional, permitiron abordar agora a obra dos accesos, “coa que xa están encaixadas todas as pezas necesarias para a materialización do Novo Chuac, que agora colle impulso”. Indicou que se trata dunha actuación planificada para non interromper a actividade asistencial no hospital.
A conselleira agradeceu a cooperación institucional para o financiamento desta actuación dos accesos, “consensuada, planificada e executada” en colaboración co Concello da Coruña e que será “fundamental para garantir a mobilidade co futuro complexo”. O Concello asumirá a titularidade dos viarios unha vez finalizados.
Desenvolvemento dos traballos
Os traballos acaban de comezar coa execución do viario provisional que conectará o Chuac coa AC-10, partindo da Avenida de Lamadosa, que dará servizo ao centro mentres se abordan as obras, e que se prevé rematar nuns meses. Estase a acometer neste momento a escavación, para despois acometer a instalación de servizos previstos, así como o seu afirmado e sinalización.
Ademais, de xeito paralelo, estanse abordando os primeiros traballos na zona da AC-12, coa adecuación e desvío dos servizos e conducións de abastecemento, saneamento e pluviais, que terán continuidade nos vindeiros meses. No verán prevese tamén a execución dun dos fitos da actuación, que será a demolición do actual paso superior sobre a AC-12, para proceder á construción dun novo.
Actuacións do Chuac
A Xunta ten en marcha as distintas actuacións que conforman a primeira fase do Novo Chuac. En concreto, estanse a executar as obras de demolición do Hotel de Doentes (1,4 millóns de euros), así como a construción da Torre Polivalente (37,6 millóns de euros) e a urbanización de Pedralonga (3,5 millóns de euros), onde se reubicará aos propietarios afectados. Ademais, a Administración autonómica traballa para licitar antes de finais deste 2025 o contrato de obra da Fase 2, a obra de edificación máis grande do complexo, cunha estimación próxima aos 400 millóns de euros.
Allegue subliñou que o Novo Chuac será un referente da atención sanitaria para medio millón de pacientes das áreas da Coruña e Cee, e sumará un investimento total de máis de 500 millóns de euros, o maior realizado nunha obra hospitalaria da Xunta. Unha vez rematado, o centro contará con 260.000 metros cadrados de novos servizos asistenciais.
Lembrou que a Xunta tamén acadou de 60 millóns de euros de financiamento europeo para esta actuación, sendo a única comunidade española en acadalo.