Comezan as obras do aparcadoiro provisional do CHUAC

ACoruñaXa
O aparcadoiro suplirá as prazas de estacionamiento para traballadores do hospital afectadas polas obras en execución da Torre Polivalente e pola demolición do Hotel de Doentes
Imaxe das obras do novo aparcadoiro do CHUAC
18 Abr 2024

A Xunta vén de iniciar esta mañá de xoves as obras do aparcadoiro provisional do novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC, nas que inviste máis de 386.000 euros. Trátase do estacionamento provisional que vén substituír as prazas de aparcamento para traballadores do hospital público afectadas pola execución en marcha da Torre Polivalente e da demolición do Hotel de Doentes.

En concreto, habilitaranse 223 prazas de aparcadoiro, 6 delas adaptadas a persoas con mobilidade reducida. As prazas disporanse en batería para aparcamento oblicuo a 60º e disporán dun ancho de 2,45 metros. Os corredores de circulación serán de sentido único cun ancho de 4 metros, mentres que as bandas de aparcadoiro terán un ancho de 4,80 metros para asegurar unha correcta maniobrabilidade.

No marco desta obra, será necesario realizar traballos de movemento de terras, tanto escavación como recheo para lograr unha chaira cunha pendente máxima do 5%. A superficie total pavimentada será de 5.496,10 m2. O pavimento será en aglomerado asfáltico, por ser este tipo de pavimentación fácil e rápido na súa execución e dada a condición de provisional do aparcadoiro.

Executarase tamén a drenaxe da plataforma, con bordos e sumidoiros, que desaugan nunha tubaxe de PVC de 315mm de diámetro, conecta coa rede de drenaxe dos viarios municipais. Ademais, instalarase unha rede de iluminación mediante luminarias LED.

A intervención ten un prazo de execución de 3 meses e forma parte do contrato conxunto asociado á execución das obras dos accesos do Novo CHUAC, que suporán un investimento de máis de 24 M€.

A Xunta decidiu adiantar este proxecto de aparcadoiro provisional para que poida dar servizo antes do inicio da execución do resto de obras.

En paralelo, a Xunta segue a avanzar na redacción do proxecto de accesos desde a AC-12 e á AC-10, e do anel viario, traballando co obxectivo de poder estar aprobado e preparado para o seu inicio no verán deste ano.

Proxecto estratéxico e hospital de vangarda

A Xunta segue a progresar no impulso da execución das 3 primeiras obras do novo Hospital Público da Coruña que supoñen un investimento de máis de 60 M€ e xerarán máis de 900 postos de traballo.

O Novo CHUAC é un proxecto estratéxico e prioritario xa en marcha no que están a traballar, conxuntamente, as Consellerías de Sanidade e de Vivenda e Planificación de infraestruturas, cun investimento de máis de 500 M€ para blindar a atención sanitaria da área da Coruña e Cee nas vindeiras décadas, para dar atención a máis de 550.000 pacientes.

Para iso multiplicarase por tres a superficie actual do hospital, pasando dos 85.000 m² actuais a unha superficie construída de case 257.000 m².

0.19819092750549