Comeza o Oktoberfest gourmet con dobre cea-maridaxe na Coruña

O Museo de Estrella Galicia súmase por terceiro ano ao Oktoberfest cun formato gourmet: dúas ceas-maridaxe, os venres 26 de setembro e 3 de outubro, ás 21.00, na Sala de Degustación. A proposta, deseñada polo equipo de Cultura de Cervexa e co selo culinario de La Teresa, fusiona divulgación e gastronomía para achegarse á festa máis popular de Múnic a través dos sentidos.
Durante arredor de dúas horas, as persoas asistentes coñecerán a orixe do Oktoberfest —ligado en 1810 ás vodas do príncipe Luís I e a unha carreira de cabalos—, a súa evolución e expansión internacional, mentres degustan cinco cervexas maridadas con cinco pratos de inspiración xermana con toque galego. No menú inclúense elaboracións como kartoffelsalat, chucrut ou cebola de Bamberg rechea, ademais dun postre de follas con crema de mazá; entre as cervexas, haberá referencias de trigo e tostadas, unha afumada e unha sorpresa de apertura.
O museo, situado na fábrica de Estrella Galicia na Coruña, é o primeiro espazo museístico de España dedicado á cultura cervexeira, cunha programación que combina visitas, obradoiros de tiraxe e maridaxes. Con esta proposta, a ‘festa de outubro’ vívese cun enfoque inmersivo que mestura ciencia, historia e cociña.